A corentena fai aflorar actividades e retos cos que entreterse a través da pantalla

A Esmuvi colga vídeos musicais nas súas redes e o vilalbés David Rodríguez ofreceu un concerto en directo, mentres que ludotecas e ximnasios propoñen manualidades e exercicios
David Rodríguez nun momento do seu concerto. EP
photo_camera David Rodríguez nun momento do seu concerto. EP

Día 5 de 15 e o enxeño continúa dando os seus froitos. Faino dende o primeiro segundo no que foi declarado un estado de alarma que ten á práctica totalidade do país confinada nas súas casas. A música foi unha das primeiras artes que se puxo a funcionar.  

Alejandro Sanz, Rozalén, Andrés Suárez ou Funambulista foron algúns dos que ofreceron concertos cos que encher as horas mortas e A Chaira non foi allea.

A Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) arrancou na mañá do sábado un proxecto que ten previsto continuar. Baixo o hashtag #EuquedonacasaconEsmuvi, profesionais e non profesionais, membros da escola e alleos, nenos e maiores, gravan o seu vídeo musical que logo comparten a través do Facebook de Esmuvi. 

"A idea é que participe quen queira", puntualiza Paula Rouco, integrante do profesorado de Esmuvi, quen destaca que "participaron nenos do conservatorio, xente allea e alumnos da escola". Durante estes tres días de confinamento, guitarras, baterías, teclados, saxos, clarinetes e ata tixolas e potas saíron a relucir e a dar a súa particular nota.

Leo, un dos participantes nos vídeos da Esmuvi. EP

E é que tal e como explican dende a entidade vilalbesa, "a música é o que temos os humanos para evadirnos da realidade", porén, serve para animar "aos nenos, e tamén aos adultos, que teñen que quedar na casa, que se vexan arroupados e que hai máis xente na súa mesma situación", engade Paula. E apunta que con esta idea, xurdida entre os seis mestres que conforman a escola, "os máis pequenos tamén ven aos seus amigos e aos seus compañeiros, é a forma que teñen estes días". 

CONCERTOS. A título individual, pero tamén coa música como protagonista, David Rodríguez Novás ofreceu un concerto que traspasou a fronteira dos seus propios seguidores. A idea do recital, que xurdiu dan man dun dos seus amigos, axiña comezou a compartirse polas historias de Instagram e este vilalbés viuse na ‘obriga’ de cumprir os desexos dos seus. 

Ás 20.30 horas do domingo comezaban a soar os acordes da guitarra de David, que durante "uns 40 minutos" amenizaron a numerosos usuarios da rede a ritmo de Leiva, Izal ou Sabina.

"Chegou a haber 230 persoas vendo o directo a un tempo", especifica este mozo que xa deleitara aos seus seguidores con algúns vídeos musicais. E resume esta experiencia, "nunca antes fixera un directo en Instagram", como algo "gratificante" logo de ver o feedback e os "bos comentarios" que xerou a súa actuación.

E aínda que deixa no aire a posibilidade de repetir concerto, incide en que o fundamental e "a verdadeira mensaxe que queremos trasladar con isto é que a xente quede na casa", conclúe David.
Tamén o músico pontés Andrés Penabad quixo facer as delicias dos seus amigos virtuais e, na tarde do luns, ofreceu unha breve actuación co seu acordeón que todos agardan que repita proximamente.

O vilalbés David Rodríguez ofreceu un concerto de 40 minutos con temas de Leiva, Izal ou Sabina e o pontés Andrés Penabad fixo o propio co seu acordeón 

E máis alá da música, as ludotecas optan por actividades diversas coas que encher as xornadas. Minds propón un reto diario —matemático, de experimentos, cociña, lectura...— no que os seus usuarios poden participar a través da pantalla, mentres que Larilandia invita a elaborar manualidades para regalar no Día do Pai. Ambos centros ofrecen a posibilidade de darlles conta dos resultados a través de Facebook ou do correo electrónico.

Non son alleos á corentena os Falconciños, os alumnos do Ceip Ramón Falcón de Castro de Rei, que terán nas súas pantallas un videoconto diario que lles fará máis levadeiro este período no que as saídas á rúa deben ser as imprescindibles.

Pola súa parte, ximnasios como Enforma están a preparar tutoriais de adestramento cos que os usuarios non perdan a rutina de exercicios e que poderán recibir a través de whatsapp. E Moo Du Kwan aposta por #Yoentrenoencasa, de forma que os alumnos da escola de taekwondo poderán enviar os vídeos dos seus adestramentos.

E para quen queira exercitar a mente, ademais de corpo, o Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes dá as instrucións de como facer "enredos" para os pequenos e propón adiviñas.

Para ir comezando:

"Que cousa é

que cando vai para o monte

vai mirando para a casa

e cando vén para a casa

vai mirando cara ao monte?".

Comentarios