Con preto de 150 socios e 40 colaboradores, Ovica aúna os produtores de ovino e cabrún de toda Galicia. Luis Miguel Rivera, un mozo cospeités con máis de 200 ovellas, é o novo presidente dunha entidade que loita por mellorar as condicións dun sector que quedou moi tocado pola pandemia.
A marca Pastores de Galicia naceu ao amparo de Ovica. É fundamental ter un selo para poder abrir a carne galega ao mercado?
Si, é necesario que as persoas que consumen teñan a información de cal é a procedencia e os métodos de produción dos seus alimentos e tamén para poñer en valor os aspectos diferenciais da carne.
Que lle diría á xente que pensa que a carne ovina e caprina non é tan boa como a de outras zonas?
Pois que non estou de acordo! Se de algo ten fama Galicia é de ter carne de boa calidade. A produción de carne en Galicia creo que non se pode comparar con outras no resto de España. Aquí, xeralmente, son explotacións pequenas ou medianas, de carácter familiar, baseadas no pastoreo e no uso de recursos propios, os cordeiros están mamando das nais todo o tempo que queren... Todo iso ten que influír na calidade da carne e no produto final. E despois tamén están os beneficios medioambientais e sociais, dos que moitas veces se fala pero deberiamos ter en conta á hora de facer a compra.
A que desafíos se enfronta actualmente o sector?
Eu diría que sobre todo á comercialización, e conseguir unha subida nos prezos do produto. O sector da carne quedou bastante afectado co tema da pandemia, aínda agora comeza a recuperarse. No sector ovino e cabrún notouse moito máis xa que tanto o cordeiro como o cabrito son produtos moi estacionais, que os consumidores asocian a determinadas épocas. Neste momento, ademais, coa subida dos prezos dos insumos e unido ao baixo prezo do produto, moitas granxas están perdendo rendibilidade, polo que se debería ir cara a producións menos dependentes dos insumos externos, pero iso non é doado de facer.
Diría que pasa por un dos momentos máis duros dos últimos anos?
Eu prefiro ser optimista. É verdade que os prezos de venda dos cordeiros e os cabritos non subiron da mesma maneira para os consumidores como para as persoas produtoras. Págase case o mesmo hoxe en día por un cordeiro que hai 20 anos e iso non pode ser. Pero por outro lado, vexo que o sector ten aínda moito potencial que hai que aproveitar.
O relevo xeracional e atopar man de obra é un problema para o sector. Habería que motivar e formar a xente"
Un dos principais hándicaps en Galicia é a dispersión das granxas...
Si, a dispersión das granxas fai que sexa algo máis complexo todo o proceso: para a comercialización, para os matadoiros, para o persoal técnico, a distribución, etc. No noso sector, inflúe bastante o tema dos matadoiros, non hai moitos que fagan sacrificio de ovino e caprino e ás veces o desprazamento ata alí encarece moito o produto final. Por outro lado, tamén ten o seu punto positivo, que podes atopar produto por todas partes, con facilidade.
A convivencia co lobo é outra das complicacións ás que se teñen que enfrontar os gandeiros.
O lobo está protexido e polo tanto non está permitida a súa caza. Dende a nosa asociación sempre defendimos que non estamos en contra disto pero que hai que compensar os danos á xente que vive e desenvolve unha actividade económica nas zonas de convivencia. Tamén é necesario un plan de conservación da especie. Na nosa xuntanza coa directora xeral de Conservación da Natureza, tratamos eses temas, a necesidade de tramitar as axudas con máis axilidade e destinar máis cartos para as medidas que son máis efectivas e duradeiras no tempo: os peches fixos e os cans de garda.
Segue sendo problemático atopar man de obra para as gandarías?
Si, ese é un problema, igual que o tema do relevo xeracional. Sobre todo atopar xente que lle guste, quero dicir, que hai xente que proba pero por algunha razón despois non se queda. Nese aspecto habería que motivar e formar a xente.
En canto á la das ovellas, que saídas se lle dá hoxe en día?
A la das ovellas está considerada un residuo na explotación, cousa que non se entende moito porque sempre foi unha materia prima da que se sacaba un rendemento económico. Ademais que pode ter diversas utilidades, non só a téxtil. Actualmente son empresas xestoras autorizadas as que teñen que retirar a la. Dende a pandemia o mercado tamén quedou parado e en moitas ocasións nin sequera a queren recoller. Tamén hai persoas que procesan a la de maneira artesanal e están rexistrados para poder recollela. Dende a asociación estamos tratando de formar un grupo de traballo sobre este tema.
Cantas cabezas de gando precisaría de media un produtor de ovino e caprino para poder vivir?
Pois en torno a 350 cabezas para unha soa persoa.
En que actividades se van enfocar desde Ovica este ano?
Gustaríanos poder retomar actividades de formación para os nosos asociados e o programa de visitas ás granxas que estabamos a punto de comezar cando veu o confinamento. Tamén establecer unha rede de contactos con outras organizacións afíns, tanto a nivel galego como estatal, para poder apoiarnos entre todas e ter máis forza nas nosas reivindicacións
Que retos de futuro se plantexa?
Mellorar a comercialización e promover a marca de Pastores de Galicia. É a mellor maneira de conseguir que máis xente queira apostar pola produción de cordeiro e cabrito. Despois, fomentar a relación entre os socios e a formación específica. Ademais é moi importante levar a cabo actuacións para achegar a xente das cidades ao rural, para que non se vaian distanciando e poidan valorar o traballo das persoas que estamos na produción primaria e se sintan a gusto cando compran o produto galego ou de proximidade. E tamén promover a gandería de ovino e cabrún.
Que lle diría aos novos gandeiros?
Primeiro que é moi importante que estean orgullosos e contentos do traballo que fagan e, segundo, que se asesoren ben, que pensen que recursos teñen e que é o que queren facer. Ter animais é duro, porque estás moi atado a eles, pero hoxe en día hai moitas maneiras de organizarse e ser o teu propio xefe ten as súas vantaxes. E sobre todo, adiante e moito ánimo!
Desde pequeno sempre me gustou estar cos animais, darlles de comer... e sempre tanto meus pais como miña avoa inculcáronme isto. Penso que está ben ter outros estudos, pero eu sabía que o meu era isto xa desde pequeno. Cando tiven a oportunidade decidín aumentar as ovellas e facer unha corte nova, boteille bastante valor, pero non me arrepinto.
Que lle apaixona do pastoreo?
Ver os animais pastando libres, non hai cousa máis bonita para un gandeiro que ver os seus animais con boa saúde e o máis felices posible.
Que adoita facer no tempo libre?
Desconectar, é algo que hai que facer e por riba de todo cando es gandeiro, que sabes que non hai nin un só día libre. Eu desfruto da familia e dos amigos. Tamén xogo ao fútbol e, de vez en cando, fago algunha escapadiña.
É máis dun bo chuletón ou de chuletiñas de cordeiro?
Iso non se discute, unhas chuletiñas de cordeiro sen dubidalo.
Cal é seu recuncho favorito para desconectar?
Pois está cerquiña, aquí na Lagoa de Cospeito, nun dos miradoiros. Sentarme e oír os paxaros, os patos e as ras cantar para min é un dos mellores praceres.