Cor e divertimento no patio

O Ceip de Xermade e a Escola de Educación Infantil de Vilalba confiaron en Pablo Lage, de Van_Kraft, para realizar sendas creacións artísticas coas que animar os recreos
Xogos da Escola de Educación Infantil de Vilalba. EP
photo_camera Xogos da Escola de Educación Infantil de Vilalba. EP

 Un longo camiño lila leva a unha escola que recorda a un cogomelo, un colorido vermiño no que cada anel é unha letra maiúscula e minúscula do abecedario, un barquiño de papel que navega directo cara a unha ruxida, unha mariola que é tamén un cohete... En cada ollada, pódese descubrir un novo detalle nas creacións que Pablo Lage Sanjurjo, de Van_Kraft, pintou no Ceip de Xermade e na Escola de Educación Infantil de Vilalba.

Vermiño da EEI de Vilalba. EPNo colexio xermadés querían animar o seu patio, así que pensaron en darlle cor cun gran mural xusto na entrada no centro "Levo feito uns cantos colexios e o que mellor se adapta é a temática animada e fantástica", explica Pablo, quen creou ao pé da porta de entrada un conto "de cores vivas e chamativas" no que a natureza e os animais son os grandes protagonistas.

Dende o centro aseguran que o mural tivo unha gran acollida entre os alumnos, que puideron seguir unha parte do proceso creativo, aínda que non involucrarse nel, como era a idea inicial, dadas as medidas de prevención derivadas da pandemia. Aínda así, ningunha das partes descarta repetir a experiencia e se é posible, organizar algún obradoiro. Muros para pintar, hai.

E se para crear ese mundo fantástico, onde un oufano sol leva as gafas ás que lles dá nome, Pablo tirou de spray, para plasmar os xogos do patio da Escola de Educación Infantil de Vilalba optou polos máis clásicos pinceis nun traballo «máis artesanal, con trazos máis irregulares".

Un dos xogos da EEI de Vilalba. EPDentro dos proxectos nos que traballan no centro —leva varios anos facendo formación— apostaron por crear patios dinámicos. E así xurdiron dúas mariolas, uns círculos espello, un laberinto e un gran verme convidan aos pequenos a interiorizar conceptos xogando. Estes divertimentos foron unha sorpresa para os nenos, que se atoparon coa nova decoración do patio á volta do Nadal, da que gozan nos grupos burbulla da escola. Participan en xogos dirixidos e foméntase a inclusión do alumnado con necesidades educativas especiais.

"Os nenos agradéceno moito", resume Pablo Lage sobre o traballo nos colexios, só unha parte do que desenvolve dende hai unha década a través de Van_Kraft, onde tamén deseñan logotipos e imaxes corporativas ou fan creacións artísticas para particulares ou negocios, coma o novo mural do Grupo Forma-t de Vilalba.

Mural do Ceip de Xermade. EP

Comentarios