Poboación
Pol suma 1.663 veciños segundo o Ige.
Vista atrás
Da ampla presenza romana en Pol dá conta a existencia dun campamento romano militar de case 14 hectáreas, aínda por estudar, ou a desaparecida vila romana de Doncide.
Curiosidades
A antorcha olímpica de Barcelona 92 pasou por terras polegas e foron dous os veciños que a levaron: José Felix Cedrón e José Luis Muíña.
A HISTORIA colectiva de cada lugar componse de milleiros de historias individuais que pasan desaparecibidas, pero constitúen a razón de ser dun pobo. Así o recoñecía unha das plumas polegas máis sobranceiras, Xosé Ramón Ónega: "Los sucesos menudos, los pequeños eventos, que conforman y forman el vivir de cada día, se olvidan con la rapidez de lo efímero", malia a seren os que "expresan mejor la idiosincrasia de nuestra comarca".
Facíao nun daqueles libriños que se editaban nas primeiras edicións da Festa ao Emigrante, cun singular artigo que levaba por título Galería de tipos históricos, populares, célebres, pintorescos, pícaros, excéntricos, píos, lúdicos, extravagantes, cachondos y entrañables de las tierras de Pol.
Neste relatorio fálase dos distintos poboadores das terras polegas dende a Prehistoria, do paso dos castrexos, dos romanos e dos suegos, e mesmo da bela doncela do castelo de Trasín que logrou alertar ao seus irmáns da invasión dos mouros, dos que só un logrou escapar no rescate. Pillárono nun medeiro nunha noite de lúa, e desa noite con romance incluído, pois o invasor casaría coa doncela, naceron as sagas dos Pillado e dos Luaces, esta última unha extensa e imporante familia que, máis alá dos contos de lareira, tivo unha grande importancia na zona.
É máis, segundo defende Manuel Labrada logo de anos investigando este apelido, que tamén lle dá nome a unha parroquia, a dinastía Luaces tería as súas orixes en Pol. Sexa verídico ou non, o certo é que os veciños de Luaces teñen unha longa historia de seu, como proba un privilexio concedido por Alfonso X o Sabio en 1269 para poboar Valonga.
Na recompilación de Ónega figuran ducias de nomes propios da historia local coma os irmáns Otero Valiño, fogueteiros de Xerbolés recoñecidos en toda Galicia polos seus traballos de pirotecnia e que tamén provocaron algún que outro susto; a Meiga Ramona, temida polos veciños por atribuírlle enbruxamentos; a Tola de Silva, que tiña por costume tocar as campás á medianoite; Pedro de Lea, merecedor dunha frase propia —"Es máis bruto ca Pedro de Lea"—, ou Manuel da Fábrica, home de múltiples oficios, quen de arranxar calquera cousa e ata de montar un camión.
E non falta tampouco un recordo a eses centos e centos de veciños que marcharon na procura de fortuna, lembrados cunha escultura na carballeira os 365 días do ano e cada 24 de agosto cunha festa. Algúns deles mesmo acadaron sona internacional, coma o santo José María Díaz Sanjurjo, nado en Suegos en 1818 e misioneiro no actual Vietnam, onde se di que só en 1850 bautizou a 33.000 nenos, un labor evanxelizador polo que foi decapitado en Tonkín en 1857, ou Dositeo Rodríguez Gallego, un famoso picador de touros, nado en 1893 en Gondel.
Desa mesma parroquia era unha persoa que non está nesta listaxe pero que, sen dúbida, podería. A Cega de Gondel, herdeira da tradición dos romanceiros medievais, foi unha gran violinista da que se conserva unha partitura escrita grazas a outro dos grandes músicos populares de Pol, o gaiteiro Javier Rodríguez de Silva. Namorado dende os dez anos do son da gaita que tocaba un veciño zapateiro ao anoitecer, do que aprendeu todas as cancións de memoria, tivo que aparcar a música nos anos 50 ata reencontrarse con ela nos 90 a través da asociación Leña Verde.
"O nome non foi para nós difícil de escoller (...) dado que na escola de Luaces xa houbera un grupo de danzas e gaitas que así se chamaba, pareceunos que ao seguir unha tradición de hai anos, xa tiñamos algo que nos unía cos costumes do pasado", contaban os promotores desta iniciativa cultural ao constituíla, lembrando aquel grupo dos 50 e os 60 fundado a instancias do mestre Daniel Pérez.
Recolleron o testemuño en 1994 e 24 anos e catro discos despois, a entidade continúa a traballar para manter viva esa chama que prenderon o propio Javier ou xentes coma Manuel Vázquez Colmenares, O Panadeiro de Berlán, membro daquela primeira formación; Xico de Cariño, mestre que recollera a Foliada en Caraño, ou todos eses anónimos que participaban de tradicións coma os cantos de Reis, típicos en Pol.
"Eu canteiche os Reis/ gadellos de cabra/ eu canteiche os Reises/ non me deches nada", dicía unha daquelas coplas que se cantaban de casa en casa, tal e como recolleron os alumnos do Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro e que agora queren recuperar en Leña Verde, continuando cun labor de conservación da cultura local que levan anos facendo, celebrando o Entroido, cantos de taberna e xuntanzas de sempre, coma o magosto, pelexando por seguir o exemplo de Javier e doutros moitos e asegurarse de que en Pol haxa algo máis ca fume.
Catro discos. Leña verde de Pol, Lares, A contratempo e 20 anos a contratempo son os títulos dos traballos discográficos publicados por Leña verde.
Pol, país de colinas. José Ramón Ónega publicaba en 2002 esta completa obra sobre o concello.
Cova de Pradocelo. En Suegos localízase esta cavidade, punto de encontro de afeccionados á espeleoloxía, na que apareceron restos de animais.
A Cruz de Silva. O punto onde conflúen Ventín, Barreiro e Mosteiro disque foi sempre un lugar máxico, ao telo como referencia moitas historias de meigas e de aparicións.
A Virxe das Neves. Contan que hai moitos anos nevou en Suegos o día 5 de agosto e por iso se celebra o Día das Neves. Ademais, tamén se di que en Monciro había unha ermida, pero como estaba no medio do monte, baixáronse os santos á igrexa parroquial, pero estes volveron para Monciro e por iso alí se construíu unha capela, onde nevara en agosto.