martes. 26.01.2021 |
El tiempo
martes. 26.01.2021
El tiempo

Copistas en tempos de confinamento dende Vilalba e Castro

Alexandra Cabana, do IES da Terra Chá , e Sabela Figueira, do IES Basanta Silva , impulsan Arte e Corentena na comarca

O Museo do Prado abría a súas portas a comezos do século XIX e, dende entón, hai unha figura que estivo sempre presente nel, a do copista. Pintores que se dedican a reproducir os famosos cadros que colgan das súas paredes. Nestes tempos de confinamento, co emblemático centro e todos os demais coa chave botada, renaceron outro tipo de copistas, aqueles que buscan representar en vivo, coa máxima fidelidade posible, unha obra coñecida.

Generated by  IJG JPEG LibraryEsta práctica bautizada como #Entrearteecorentena —#tussenkunstenquarantaine, en holandés, ou #betweenartandquarantin, en inglés—, que en pouco tempo se volveu viral, foi a que inspirou á profesora Alexandra Cabana ao atopar en Instagram a iniciativa do Rijksmuseum de Amsterdam. A Leonor, a súa filla de oito anos, entusiasmoulle a idea e entre as dúas imitaron un bodegón de Zurbarán. A experiencia foi tan divertida que quixo facer partícipe dela ao seu alumnado do IES da Terra Chá de Castro, valéndose do seu novo Instagram @aprofedehistoria —creado o último día de clase, antes da corentena, para compartir cousas cos estudantes— para publicar os ‘copias’ dos alumnos.

"É unha maneira moi bonita de que vexan arte e é unha satisfacción enorme que abran un libro de arte ou busquen obras en internet», explica Alexandra, que lles fai suxestións ou lles dá consellos se llos piden, se ben precisa que moitos xa o fan eles todo. «O proceso é moi bonito, é o que máis destacan todos, colaboran as familias...", di, salientando a relevancia de aplicar o que está nas redes ao ámbito docente.

E é que Alexandra recoñece que o ensino á distancia pode ser "moi tedioso", ao non ter o "feedback da aula", polo que actividades coma esta serven para romper a rutina. Por iso, logo de testar o seu bo funcionamento, tamén publicou o recurso en Aulas Galegas, baixo o nome Imita unha obra de arte.

Generated by  IJG JPEG LibraryCompartiuno tamén con outros compañeiros, dos que destaca a fantástica acollida que tivo no IES Basanta Silva de Vilalba, onde crearon en Instagram, para compartir os traballos, @artenobasanta, xestionado pola profesora de Historia da Arte, Sabela Figueira, e polos seus oito alumnos.

"Empezamos dende a nosa materia, pero como somos poucos, abrímolo a outra xente", apunta Sabela sobre unha proposta que foi sumando adeptos non só no centro, senón tamén entre familias e veciños, superando xa as 130 copias, sempre acompañadas dunha breve descrición da obra.

"Ata me escribiu xente que non tiña nada que ver con nós, mesmo unha holandesa mandou unha foto dende alá», engade Sabela sobre unha actividade «simple, que funciona moi ben e é entretida para o confinamento". Os resultados se comparten co hashtag #artenaTerraCha

Copistas en tempos de confinamento dende Vilalba e Castro
Comentarios