As pedras falan. Contan historias, pero hai que saber escoitalas, interpretalas e traballalas. E iso sábeno ben os canteiros, que lles contestan con ese recoñecible repicar das ferramentas cando están a traballar nelas. O mesmo que se escoitou este domingo en Parga, onde 13 deles participaron nunha nova edición do concurso e cantería da XXVII Feira de Cantería, Callos e Artesanía.
Facianas máis ou menos realistas, guerreiros medievais, animais de todo tipo e ata híbridos coma as sereas foron o froito desas conversas, entre as que a máis proveitosa parece que foi a que mantiveron José Manuel Pérez Fontán e o seu cachote para convertelo no torso dunha maternidade que conquistou ao xurado, formado pola alcaldesa, Marisol Morandeira, o canteiro Xabier Varela e José Luis López Vázquez, da comunidade de montes Santo Estevo de Parga, responsable da feira conxuntamente co Concello.
Para Fontán, un veterano canteiro de Xeve (Pontevedra) con máis de 30 anos de experiencia, este foi o seu primeiro concurso de cantería en Parga. Sabía da cita, pero nunca se animara a vir, ata que a insistencia dos amigos, "para estar todos xuntos", puido máis. Xa ía acudir o ano pasado, pero ao final non puido ser, así que gardou a idea do que quería crear e confiou en que a pedra que lle tocase en sorte valese, porque como el mesmo recoñece, "hai que adaptarse a elas".

E a súa era unha "grandota e feota", que outros descartaron, pero que a el lle pareceu ideal, coa sorte engadida de que, nun certame no que o habitual é que sexan pedras moi duras, a súa debeu ser "a máis branda de todas". Esa complicidade da pedra, sumada ao bo facer das súas mans, reportoulle un primeiro premio dotado con 700 euros. Nada mal para ser a primeira vez. Repetirá?
O segundo premio, recompensado con 500 euros, recaeu nun que si repite, Juan Vázquez, e na faciana que tallou; e o terceiro, de 200 euros, foi para David Iglesias Debén e o seu camaleón, unha peza que sacou adiante malia a dureza da pedra e mesmo a que algunha da súa ferramenta dixo ata aquí cheguei.
"Traes ideas, e escolles a que mellor se adapta á pedra que che toque, porque cada unha ten un andar e un xeito", explicaba outro dos participantes, Marcos Escudero, un veterano fiel: "Esto é bonito, é case a única vez no ano que nos xuntamos e podemos escoitar este repiquenar, este son é unha marabilla", aseguraba facendo fincapé en que o traballo industrial leva a que cada vez se oia menos.

E para conservalo, tamén eles se animaron a organizar un encontro de canteiros no Hío, a Romancha do Arjina, promovido para conmemorar os 150 anos do recoñecido cruceiro desta parroquia de Cangas do Morrazo.
De ben máis cerca viña Manuel Rey Trastoy, un vilalbés que sempre se sentiu atraído polo mundo da cantería, aínda que o seu traballo de fontaneiro non lle deixaba moito tempo para probar. Ata que se xubilou hai cinco anos, foi a clases co mestre guitiricense Ramón Villar e xa non parou.
"A min isto encántame, gústame de sempre", recoñeceu, sen esquecer outro aspecto clave: "Tenche que reinar, indiscutiblemente". E semella que os que acoden a Parga poderían levar todos coroa... de pedra.

PROPOSTAS. Mais non todo foron repicares e tallas, pois tamén houbo tempo para gozar da artesanía, con máis dunha vintena de postos; da música, coa charanga Os Trileros, o Grupo e Gaitas Municipal de Guitiriz e o dúo Caramelo; dos inchables infantís e, por suposto, do outro gran protagonista da feira, os callos.
O restaurante La Casilla encargouse por primeira vez de preparar 500 racións deste manxar que, malia as altas temperaturas da xornada, moitos se animaron a saborear.