Un conto con moita historia

A casa escola de Cabreiros acolle sábado, a partir das 18.30 horas, a proxección do documental ‘O país da Moura’, un traballo de cinco anos do antropólogo Rafael Quintía e da empresa Ab Origine no que se profunda no "mito fundamental" de Galicia
Buenaventura Aparicio, nun momento da gravación do documental 'O país da Moura'. AB ORIGINE
photo_camera Buenaventura Aparicio, nun momento da gravación do documental 'O país da Moura'. AB ORIGINE

Ela é a creadora no Pedregal de Irimia do nacemento do río máis importante de Galicia ou do dolmen de Dombate, foi a que sementou os berberechos na ría de Noia ou a que levou a primeira vide a Verín, súa é tamén a responsabilidade de deseñar os sistemas de regadío en Mondariz... Son moitos e moi variados os méritos que dende tempos inmemoriais se lle atribúen a ela, a un mito "fundamental" do patrimonio oral de Galicia. E ela, a artífice ata do arco da vella, non é outra que a Moura.

Os múltiples relatos transmitidos de xeración en xeración, perpetuando a memoria da que é a personaxe máis popular do folclore galego ata a actualidade, alimentan as case dúas horas e media de metraxe do documental O país da Moura, un proxecto do antropólogo Rafael Quintía que mañá sábado se proxecta por primeira vez en público na VIII Invernada de Cine da parroquia xermadesa de Cabreiros.

"Teño moi boa relación con eles, sabía que había este certame e pareceume o sitio idóneo para a estrea, porque ademais gravamos a veciños de Cabreiros e de Xermade", explica o responsable da dirección e do guión dun proxecto audiovisual apoiado pola Xunta de Galicia a través do Xabobeo, en cuxo fondo vén de incluírse.

Con Valentín García Bóveda como produtor e con Miguel Alonso como responsable da realización técnica, a empresa Ab Origine desenvolveu este traballo antropolóxico e didáctico que se estrutura en once capítulos, cada un dos cales profunda nalgún dos distintos aspectos da figura mitolóxica da Moura.

O documental repasa en once capítulos os aspectos fundamentais da figura da Moura, con impresións de veciños e de expertos

As orixes do proxecto remóntanse a hai cinco anos, cando Quintía gañaba a vixésima edición do Premio Vicente Risco, na modalidade de ciencias sociais, coa investigación titulada Análise estrutural e simbólica do mito da Moura galega. Malia a este recoñecemento, o antropólogo pontevedrés sentía que ao seu traballo lle faltaba algo, e decidiu usar o soporte audiovisual como ferramenta para complementar esa investigación.

"Hai cousas que nun libro non se poden recoller, quería darlle voz e imaxe á xente que mantén vivo este legado e darlle visibilidade á mitoloxía galega", precisa. E así, foi recompilando os testemuños da veciñanza de máis de 30 concellos das catro provincias -en Lugo recolléronse en Xermade, Foz, Ribadeo, Castroverde, O Valadouro...-, que dan conta do "fascinante" universo creado ao redor da Moura.

Os contos transmitidos por esas persoas informantes -"maioritariamente mulleres, as grandes depositarias e transmisoras deste patrimonio oral"-, entre as que hai representación de todas as idades -"hai xente nova, para que se vexa que a transmisión segue viva"-, compleméntanse cos testemuños de catro expertos: Antonio Reigosa, Buenaventura Aparicio Casado, Anxo Rosales e o propio Rafael Quintía.

"Está todo o territorio do país construído ao redor de relatos sobre a Moura, é o mito máis importante do noso folclore", resume o responsable de O país da Moura, que con este documental quere contribuír á difusión e á posta en valor da "rica mitoloxía" galega.

Comentarios