O conservatorio pontés celebra o seu Mes Cultural

Organizáronse talleres, concertos, charlas, xogos e outras actividades para achegar a música a todos e dar a coñecer o centro 
Conservatorio As Pontes. EP
photo_camera Conservatorio As Pontes. EP

O conservatorio de música das Pontes está a punto de pechar o programa do seu Mes Cultural, unha iniciativa que acolleu dende o 7 ata mañá, día 23, talleres, concertos, charlas, xogos e outras moitas actividades que o profesorado preparou "con gran ilusión co fin de que o alumnado, as familias e o público en xeral puidesen gozar connosco a nosa gran paixón: a música, durante estes días, que xa a actividade lectiva no centro rematou", explican. 

Todas as actividades, totalmente gratuítas, estiveron abertas a todo o público, excepto aqueles obradoiros dirixidos a un alumnado concreto, pero tamén houbo talleres experimentais para nenos sen coñecementos musicais específicos pero interesados en tocar e aprender música. 

Déronse a coñecer instrumentos, pero tamén diferentes xéneros, como a ópera ou o jazz e as diferentes músicas do mundo. Organizáronse combos para tocar en grupos e pequenas orquestras, pero tamén se formou un coro infantil e houbo xornadas de portas abertas no propio centro. 

"O obxectivo era compartir experiencias inesquecibles e gozar de actividades musicais para todos os gustos e todos os públicos. Pretendimos crear un lugar onde o alumnado puidese acceder de xeito máis sinxelo a propostas, que doutro modo quedarían lonxe das nosas aulas. E tamén quixemos abrir as portas do noso centro a todos aqueles que queiran coñecernos mellor, ofrecendo ás familias e ao público en xeral unha proposta interesante e variada", explican dende o conservatorio, que acaba de pechar a matrícula para o novo curso. 

O pasado había 100 alumnos en conservatorio e 50 en iniciación, unhas cifras que este curso esperan incrementar. 

Comentarios