Conservas con sabor pontés

A firma Horta Ecolóxica Aleira acaba de lanzar as súas primeiras propostas gastronómicas elaboradas: tomate natural, frito, ketchup, pisto e zumes de uva e mazá que "xa están voando"
photo_camera Cynthia Arias, no seu posto semanal no mercado dos sábados nas Pontes. C. ARIAS

Sabores naturais, alimentos ecolóxicos, saudables e nutritivos, nun mercado de proximidade, sen intermediarios. É unha combinación que cada vez ten máis consumidores concienciados, e a firma Horta Ecolóxica Aleira, asentada na parroquia do Aparral, nas Pontes, é un dos exemplos actuais.

"Aleira nace en 2017 e dende aquela fomos medrando todos os anos. No confinamento a xente interesouse moito por estes produtos -tantos que non se daba cuberto a demanda- e moitos clientes mantéñense agora", indica Cynthia Arias, a responsable dunha firma de produción e venda de hortalizas ecolóxicas que acaba de dar un paso máis ao lanzar ao mercado as súas primeiras conservas, propostas gastronómicas elaboradas cos produtos da súa horta que "xa están voando".

"Tiñamos excedente e ocorréusenos empezar coas conservas", di Cynthia, que explica que esta primeira remesa a realizaron as rapazas de Ribeiregas no seu obradoiro de Negueira de Muñiz.

"Dora e Luz envasan para outros produtores e realizan as súas propias propostas. Nós poñemos o 100% do produto da nosa horta e elas transfórmano", di este emprendedora, ao tempo que asegura que esta iniciativa de sabor 100% pontés naceu como "un estudo de mercado" porque o obxectivo final está claro: poñer en marcha o seu propio obradoiro e facer dende Aleira todo o proceso.

O resultado desa análise non podía ser mellor. "A verdade é que foi moi ben, xe se están acabando", indica Cynthia cun sorriso mentres atende as peticións dos clientes dende o seu posto do mercado semanal dos sábados nas Pontes. "É unha clientela moi fiel", di. Vende no mercado, situado onde antes estaba a Casa de Don Pedro, e a través da web con reparto a domicilio nas Pontes todos os martes.

"Era un pouco unha proba, ao mellor para o ano volvemos repetir coas rapazas de Ribeiregas, pero queremos poñer en marcha o noso propio obradoiro", di Cynthia, e lanza algún dato desta mostraxe que arrasou en dúas semanas.

O primeiro en esgotarse foi o tomate natural e aínda se poden conseguir tomate frito e ketchup. Tamén hai pisto e zume natural, de mazá e de uva. En total, puxéronse á venda máis de 600 botes de conservas.

Comentarios