Coñecer o que ofrece Bretoña

Os 27 escolares do colexio da parroquia pastoricense desenvolveron ao longo deste curso un proxecto para coñecer os recursos da súa contorna, que este venres presentaron nun acto no CIN
Presentación no CIN de Bretoña do proxecto 'Descubrimos os nosos recursos', realizado polo colexio da localidade. C. PÉREZ
photo_camera Presentación no CIN de Bretoña do proxecto 'Descubrimos os nosos recursos', realizado polo colexio da localidade. C. PÉREZ

"Se mañá nos volvesen pechar como na pandemia e tivesemos que obter todo o necesario dentro da nosa contorna, que fariamos?". Desta premisa parte o proxecto de investigación 'Descubrimos os nosos recursos', desenvolvido este curso no Ceip de Bretoña e que este venres se presentou no Centro de Interpretación (CIN) desta parroquia pastoricense.

Unai, Antía, Xiana e Alejandro foron os catro alumnos voluntarios que exerceron de voceiros dos seus compañeiros -no proxecto participaron os 27 do centro- para ofrecer unhas cantas pinceladas dunha investigación que nacía na hora de ler da biblioteca, coordinada pola mestra da que partía a idea, Antía Salgado, co apoio do director, Pablo Araújo, e do resto de docentes -Álex, Montse, Bea e Sara-.

"Isto é un mapa do tesouro que en realidade é un mapa de recursos", iniciaba Unai a súa intervención, detallando que nesa particular cartografía recollían, por exemplo, os elementos vexetais e animais, así coma as fontes económicas. Iniciaban así unha serie de explicacións que son froito do intenso traballo dos últimos meses, no que usaron diversas metolodoxías de investigación para coñecer o que os rodea: visitaron Campo do Oso, descubriron a canteira ou profundaron nas peculiaridades de cada un dos barrios de Bretoña.

A implicación das familias, que achegaron fotografías ou información sobre as distintas profesións ou empresas, xunto coa visita dun pai e dunha nai ao centro para falar dos seus traballos, resultou clave nun proxecto no que tamén se fixeron entrevistas telefónicas ou no que mesmo viaxaron no tempo para coñecer a extensa historia do lugar.

Con toda a información recompilada, clasificando os recursos nos tres sectores -primario, secundario e terciario-, tocou dedidir que sería ou faría cada quen no caso de que chegase ese hipotético illamento e tocase organizarse para que Bretoña poida ser autosuficiente, xestionando os propios escolares toda esas posibilidades que documentaron.

Todo isto quedou recollido nunha sorte de libro, cunha flor de loto como símbolo do traballo, que dá conta do exhaustivo labor do colexio e cuxas consclusións verbalizaba este venres a profesora Antía. "Quedamos abraiados con todo o que temos", asegurou a mestra, destacando que animou aos rapaces a ter unha visión crítica, para seren non só conscientes da riqueza da contorna, senón tamén da necesidade de sacarlle proveito da mellor maneira posible.

"O balance do proxecto é moi positivo, foi moi entretido e tamén moi enriquecedor, porque así son conscientes do que teñen, dos recursos que hai ao seu redor", concluíu o director do centro, agradecido pola implicación de toda a comunidade educativa para contribuír á posta en valor os recursos de Bretoña.

Comentarios