O Concurso de Tapas de Vilalba apoio aos produtores locais e á hostalaría

O Concello e a asociación Sete Pontes organizan xunto a dez hostaleiros vilalbeses a segunda edición dun certame gastronómico que se prolongará ata o domingo
Un total de 24 produtores locais achegan a materia prima para a elaboración dos pratos. EP
photo_camera Un total de 24 produtores locais achegan a materia prima para a elaboración dos pratos. EP

Vilalba acolle ata o domingo o segundo Concurso de Tapas da capital chairega, organizado polo Concello de Vilalba e a asociación de empresarios Sete Pontes xunto a dez locais hostaleiros. Nesta edición a principal novidade é que todas as propostas gastronómicas deben ter como ingrediente destacado un produto adquirido nos provedores locais que figuran nas bases. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería y Turismo de Lugo (Apehl) colaboran con destacados restauradores á hora de valorar as tapas.

Os proveedores da sobresaínte materia prima coa que se elaborarán as tapas nesta ocasión son 24. Así, a carne de porco celta apórtana Atilano Anllo e Fraga do Porco, e a de cachena, Enxebreza. Participan, así mesmo, as cárnicas Elote, Eurico e Acisal. As panaderías que achegan os seus produtos ao certame son A Nova, Tahona Currás, Martiñán e Oleiros, mentres que as queixarías son Crisanto, Daniberto, Fontelas, Cas Leiras, Catadoiro, Don Gabino e Prestes. Outras empresas proveedoras son Champivil e Galiña de Mos, Camperos Vilalba e Huevos de Andrade, ou Pingas de Gaia, Amardebon y Das Miñas Colmeas no tocante ó mel.

Programáronse diversos actos de forma paralela para dar un pulo ao sector da cultura vilalbesa

Os establecementos participantes ofrecen unha saborosa tapa ao prezo único de 1,5 euros, e esta someterase á votación popular. Para poder valorar as diferentes propostas, o público ten á súa disposición papeletas e urnas en todos os locais, sendo imprescindible catar un mínimo de cinco pratos para poder emitir un veredicto. As tres elaboracións máis apoiadas polos clientes pasarán a unha segunda fase, onde un xurado profesional designará a mellor proposta do concurso.

Pola súa participación, o público tamén opta a varias recompensas, que se sortearán entre todas as papeletas válidas o día 27, ás 12.00 horas, na sede da asociación de empresarios. Os premios fixados pola organización consisten nunha cea para dúas persoas na cervexaría Lembranzas, un xantar ou cea para dúas persoas no restaurante Montero e dous bonos regalo, con acceso para dúas persoas, para o Spa Attica21 de Vilalba.

O Concello e a asociación Sete Pontes animan a sumarse a esta convocatoria, coa que se busca trazar unha rede de apoio ao sector da hostalería e ás empresas alimentarias de Vilalba. Do mesmo xeito, para dar un pulo ao sector da cultura —tamén moi afectado pola crise sanitaria— programáronse actuacións durante os días do concurso para animar as rúas, cos grupos tradicionais Buxos Verdes, Andrade, Entre Lusco e Fusco, Mato Vizoso e Asubíos da Chaira.

O público pode valorar os pratos e optar a premios como unha cea ou un xantar

A calidade dos produtos cos que se elaboran as tapas son a principal calidade dun certame que deste xeito contribúe ao desenvolvemento hostaleiro e da gastronomía.

PORCO CELTA. É a raza autóctona galega, en pleno proceso de recuperación. A liña de produción ecolóxica como unha das maiores expresións de sustentabilidade. Trátase de animais criados en liberdade, obténdose un produto final exquisito e sen aditivos.

CACHENA. Esta raza autóctona ofrece para a gastronomía unha carne con sabor, aroma e un punto xusto de grasa que a fai moi xugosa. É firme pero tenra e quen goza da carne no seu punto sempre apreza que o seu sabor é máis rotundo.

GALIÑA DE MOS. A Galiña de Mos ten un potencial enorme e un cada vez maior número de criadores, que dentro da asociación de Avimós, rondaba a primeiros de ano os 800, con 170 que se dedican á avicultura artesá, que venden carne ou ovos, e uns 600 de autoconsumo. Entre todos comercializaron ao longo do ano 2020 arredor de 28.000 animais, entre eles os afamados capóns de Vilalba.

OVOS. Os ovos de galiñas campeiras da Chaira destacan por unha calidade que basea o seu segredo en que son animais creiados en liberdade. Estas galiñas aliméntanse cunha mestura de cereais, produtos da horta chairega e pastoreo. Calidade, sostenibilidade e benestar animal son os principios que posibilitan a súa produción.

PAN. O pan dos produtores da comarca chairega cumpre a máxima dun delicado proceso de elaboración, empregando os mellores ingredientes autóctonos e empregando polo menos unha hora de repouso e un tempo de fermentación de como mínimo tres horas. As formas nas que se comercializa este pan amparado pola Indicación Xeográfica Protegida son bolo, rosca, bola ou torta e barra.

QUEIXO. O Queixo da DOP San Simón da Costa é un dos emblemas gastronómicos de Vilalba e A Chaira. O leite de vaca e o proceso de afumado na súa elaboración artesá apórtalle á marca un particular sabor e aroma. A área xeográfica da denominación abrangue exclusivamente aos concellos de Vilalba, Muras, Xermade, Abadín, Guitiriz, Begonte, Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.

MEL. O mel da Chaira, coa Serra da Carba, Muras e As Pontes entre os principais produtores, destaca pola súa excepcional calidade e sabor, características que o levan a cotío a estar entre os produtos mello valorados das catas máis prestixiosas.

COGOMELOS. Outro dos produtos aportados polos proveedores locais ao Concurso de Tapas de Vilalba son os cogomelos —en distintas variedades—, outro dos tesouros de calidade que conforman a diversidade gastronómica da Chaira

Comentarios