O concurso Mariña Folgueira "colle novos folgos" coa súa quinta edición

Carla Díaz, Alma Blanco, David San Emeterio e Fernando Vilabrille gañaron o certame xornalístico que organiza a asociación de Reigosa e que invita a escribir aos máis pequenos
Os membros do xurado, xunto ao alcalde da Pastoriza. C. ARIAS
photo_camera Os membros do xurado, xunto ao alcalde da Pastoriza. C. ARIAS

O Concurso de Redacción Xornalística Mariña Folgueira, organizado pola asociación de veciños de Reigosa, no concello da Pastoriza, "colle novos folgos" e consolídase cunha quinta edición na que invitou de novo a escribir aos máis pequenos baixo a lembranza da súa pluma máis coñecida e "embaixadora".

"Cada vez ten máis participantes e é coñecido non só na Pastoriza e nos concellos dos arredores, senón en toda Galicia", asegurou orgulloso o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, un mestre xubilado que animou a escribir, "un dos mellores exercizos do ser humano", nun acto de clausura que encheu de público o local social do "paraíso de Mariña, o noso paraíso", dixo María López, a encargada de presentar o evento.

Nun certame de raíces e de orgullo pola lingua e pola terra —os presentes ao acto de clausura podían convidarse na entrada con ameixas de Reigosa gratis e de obrigada proba— participaron ao redor dun cento de traballos, que foron moi ben valorados polo xurado, composto polos xornalistas Xosé Soengas, Xosé María G. Palmeiro, Ernesto Sánchez Pombo e os profesores Bernardo Penabade e o escritor Mero Iglesias.

"Son traballos moi creativos, moi diversos, en defensa do galego e do medio ambiente e dunha gran calidade", aseguraron os encargados de elixir os traballos gañadores, que foron catro, mentres eloxiaron a unha asociación "entusiasta" que fomenta "a creatividade e o amor polo xornalismo".

Carla Díaz Marcos, do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, recolleu o premio do segundo ciclo de primaria; Alma Blanco, do CEIP Rosalía de Castro de Lugo, o do terceiro ciclo, e David San Emeterio, do IES San Xillao de Lugo, do primeiro ciclo de secundaria. Fernando Vilabrille, do IES Fontem Albei da Fonsagrada, gañou no segundo ciclo de secundaria pero non estivo presente no acto.

Ademais dos agasallos aos premiados, houbo detalles para os participantes e para os centros e o propio rexedor entregoulle aos membros dos xurado un libro do concello que acaba de estrearse con tanto éxito que terá que reeditarse.

Comentarios