Oito concellos únense para pór en valor a ruta Vilalba-Betanzos

Os peregrinos deste tramo do Camiño Norte orixinal xa poden obter a Compostela
Participantes, no acto de sinatura celebrado no Cine Alfonsetti de Betanzos. EP
photo_camera Participantes, no acto de sinatura celebrado no Cine Alfonsetti de Betanzos. EP

O Concello de Betanzos impulsaba hai un tempo un importante labor de recuperación e de documentación do Camiño Norte orixinal entre Vilalba e Betanzos, unha iniciativa que este sábado daba un paso fundamental coa sinatura dunha declaración de intencións por parte dos alcaldes e alcaldesas dos oito concellos polos que pasa esta ruta xacobea, entre eles Vilalba, Guitiriz e Xermade.

A través deste documento, os asinantes, entre os que tamén figuran os muncipios coruñeses de Monfero, Aranga, Paderne, Irixoa e Betanzos, comprométense á posta en valor deste percorrido e á súa conservación en bo estado.

"A recuperación do tramo Vilalba-Betanzos supón a lexítima restauración dun patrimonio histórico de primeira magnitude e de importancia estratéxica", reza a declaración, que fai fincapé no documento expedido o 15 de xullo de 2021 polo director da Oficina do Peregrino, o guitiricense Segundo Pérez, en representación do Cabildo da Catedral de Santiago, "no que se concede a Compostela a todos os peregrinos que, seguindo o tramo Vilalba-Betanzos e cumprindo as condicións acostumadas" cheguen á capital galega.

"Durante séculos os peregrinos camiñaron polos nosos concellos (...) deixando unha fonda pegada que aínda perdura, atravesaban a Terra Chá ata a Serra da Loba"

O texto suscrito recorda que as investigacións levadas a cabo permitiron confirmar que o Camiño Norte orixinal "viña e vén paralelo ao mar Cantábrico e entraba e entra en Galicia por Ribadeo, pasando logo por Mondoñedo, Vilalba e Betanzos" e avanza que se buscará o apoio de entidades públicas e privadas para a súa potenciación, así coma da Xunta para que "culmine este proceso cun recoñecemento oficial que garantice a plena protección deste tramo".

"Durante séculos os peregrinos camiñaron polos nosos concellos (...) deixando unha fonda pegada que aínda perdura, atravesaban a Terra Chá ata a Serra da Loba", destácase tamén nun documento no que os asinantes se comprometen a "promover as medidas necesarias para sinalizar e manter os camiños en bo estado, así como a atraer e acoller coa maior hospitalidade aos peregrinos e demais camiñantes".

No acto, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, salientaba a relevancia de valorizar o Camiño, no que "todas as variantes teñen cabida" e de que os veciños lle teñan "apego", amosando o seu agradecemento a todos os implicados "nesta aventura", especialmente a Segundo Pérez -presente xunto a unha representación da veciñanza que solicitara o recoñecemento- por ser "peza clave para articular esta declaración".

O rexedor xermadés, Roberto García, sinalou a importancia dunha iniciativa que "favorecerá a economía da zona rural e dinamizará os concellos", mentres que a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, fixo fincapé na "total disposición e máximo empeño" do municipio do que parte o itinerario en apoiar esta "interesante proposta".

Comentarios