O Concello de Guitiriz e Xermolos homenaxean en Parga á mestra Ofelia Rodríguez Díaz

O acto, que coincide co cabodano do seu pasamento, será este martes, ás 17.00 horas, no marco da exposición sobre a casa museo de Rosalía de Castro
Ofelia Rodríguez. EP
photo_camera Ofelia Rodríguez. EP

O Concello de Guitiriz e a asociación cultural Xermolos renderanlle unha homenaxe este martes en Parga á mestra Ofelia Rodríguez Díaz, coincidindo co cabodano do seu pasamento.

O tributo terá lugar no muelle ferroviario próximo á Praza do 28 a partir das 17.00 horas e, no caso de que chova, trasladarase á Escola das Nenas.

O recordo da docente, que foi veciña de Parga, contará coas intervencións da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e do coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco, que lembrará a traxectoria dunha profesora que impartiu clases en Miraz (Friol) ou na parroquia guitiricense de Roca, para logo pechar a súa etapa educativa en Parga.

"Foi unha muller que fixo moito ben a nivel educativo moi implicada cos seus alumnos», detalla Blanco Torrado, que incide en que non só se preocupaba pola formación académica, senón que tamén prestaba axuda se detectaba algunha necesidade, que podía ir dende roupa ata buscar un reforzo se vía que algún neno ou nena precisaba de apoio especializado. 

Exposición 'A Casa de Galicia', en Parga. EP
Exposición 'A Casa de Galicia', en Parga. EP

"Axudou moito alí por onde pasou", conclúe Alfonso, que incide ademais en que Ofelia, á fronte da asociación veciñal A Roxeira, tamén foi clave na posta en marcha do certame de cantería e da Feira de Cantería, Callos e Artesanía de Parga.

Era, ademais de todo isto, "devota de Rosalía de Castro", lembra o coordinador de Xermolos, polo que o tributo terá como como marco a exposición A Casa de Galicia, que conmemora os 50 anos da creación da casa museo dedicada á escritora. O simbólico escenario servirá tamén para recordar que a filla de Rosalía de Castro, Gala Murguía, acudiu algún verán a tomar as augas en Parga.
 

Comentarios