O Concello vilalbés organiza unha programación online centrada no sector cultural

▶ Son catro espectáculos de maxia, circo e títeres para tódalas idades
Mago Teto. AEP
photo_camera Mago Teto. AEP

O Concello de Vilalba organiza para as vindeiras semanas unha programación dirixida a apoiar o sector cultural que se poderá ver en liña, ben en Youtube ou ben nas redes sociais, durante un período de 24 horas. Un espectáculo de circo, de maxia, de malabares e unha peza de títeres son as propostas contratadas polo goberno local que se retransmitirán para tódolos públicos.

A novidosa iniciativa, a primeira que se leva a cabo deste xeito na contorna, comezará mañá xoves, ás 18.00 horas —tódalas emisións serán neste horario—, con ‘Emportats’, a función circense da compañía La Trócola Circ que combina disciplinas como os malabares, a acrobacia, a música e os traballos con obxectos.

A seguinte retransmisión será a de ‘Oyun’ o domingo 26, un espectáculo de El Fedito que compaxina humor e malabares e que acumula numerosos galardóns ao longo do país. E tres días máis tarde, o mércores 29, será o momento de coñecer a historia de Antón Comodón a través dos títeres do grupo Estaquirot Teatre, de Barcelona.

A programación cultural rematará o día 2 de maio, tamén ás 18.00 horas, coa emisión en directo do show do Mago Teto, ‘Alquimia’, que se retransmitirá dende o auditorio Carmen Estévez aínda que será a porta pechada e con tódalas medidas de seguridade oportunas. Con esta peza, o artista galego procura achegar ao público unha mestura de maxia, ciencia e esoterismo que deu lugar a mitos e lendas.

“Nestas semanas vimos como parte do sector cultural ofreceu contidos de xeito altruísta para amenizar esta situación”, apuntan dende a área de cultura do Concello vilalbés, dende onde tamén engaden que “toca devolver o xesto e apoiar as distintas artes neste proceso de reinvención”.

Así mesmo, os organizadores lembran que cada vídeo incluirá un saúdo especial para os veciños da capital chairega e que os nenos terán a oportunidade de facer algunha actividade, como debuxo, que complementará as funcións.

Comentarios