sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

O Concello de Vilalba revisará o rueiro para cumprir a Lei de Memoria Histórica

Casa consistorial de Vilalba. GOOGLEMAPS
Casa consistorial de Vilalba. GOOGLEMAPS

O goberno de Vilalba vén de anunciar que revisará o rueiro e outros bens públicos con referencias e simboloxía franquista que aínda permanecen no municipio para o cumprimento da Lei de Memoria Histórica.

O primeiro paso, tal e como avanzaron dende o Concello, será realizar un catálogo que recolla os elementos que incumpren esta norma, tanto no viario público como noutros bens, "paso previo marcado por lei para a súa retirada", indican.

"Deste xeito, segundo a Lei 52/2007, no seu artigo 15, as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura", indican dende o Concello vilalbés.

O goberno local asume o compromiso de realizar un informe sobre os elementos que aínda a día de hoxe permanecen na capital chairega con simboloxía franquista e con nomes de persoas vinculadas polas súas condutas ou traxectorias a este momento histórico.

Para o goberno local é un "primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo co fin de facer valer os principios de verdade, xustiza e reparación para poñer un punto e final ao franquismo neste concello".

Afirman, ademais, que "Vilalba non pode ser unha excepción ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica", engadindo que "non existiría para o noso pobo unha democracia plena sen revisar os vestixios dunha ditadura que marcou un episodio negro en todas as localidades do país".

O Concello de Vilalba revisará o rueiro para cumprir a Lei de...
Comentarios