martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

O Concello de Vilalba denuncia "actos incívicos" na decoración de Nadal

Montaxe do poboado de Nadal de Vilalba. M.ROCA
Montaxe do poboado de Nadal de Vilalba. M.ROCA
O concelleiro Eduardo Vidal precisou que houbo algún destrozo nas casetas do poboado e lamenta se bote "por terra o traballo que se está facendo"

O Concello de Vilalba vén de denunciar publicamente os "actos incívicos" producidos nalgúns dos elementos decorativos que se están a instalar con motivo do Nadal. "Esta mañá puidemos comprobar como aparecían algúns destrozos nas casetas que formarán o poboado de Nadal", explicou o concelleiro de seguridade, Eduardo Vidal, que ve "inconcebible permitir comportamentos que botan por terra o traballo que se está facendo e motivan custos engadidos para as arcas públicas".

Ante o ocorrido, dende o goberno local prevén incrementar a vixilancia nestas datas. "Non dubidaremos en tomar as medidas pertinentes con aquelas persoas que actúen de xeito incívico e provoquen danos no mobiliario público", sentenciou Vidal, lembrando que non é a primeira vez que aparecen destrozos ou mesmo roubos de materiais nalgunhas zonas de Vilalba.

Estes actos foron denunciados "inmediatamente ante as dependencias da Garda Civil", mais nesta ocasión o goberno quixo facer público tamén o seu malestar "e chamar a atención sobre comportamentos que ata pretenden boicotear unha iniciativa promovida para goce das familias e dos máis pequenos".

As consecuencias do acontecido, lembra Eduardo Vidal, obrigan ao Concello a incrementar a seguridade e a destinar máis fondos dos previstos, ao ter que solucionar os desperfectos provocados.

Tanto o poboado de Nadal da Praza da Constitución como o alumeado destas festas inauguraranse oficialmente este luns na capital chairega, nun acto fixado para ás 18.30 horas.

O Concello de Vilalba denuncia "actos incívicos" na decoración de...
Comentarios