O Concello de Vilalba aposta polos microrrelatos cun libro conxunto

A obra, editada por Alvarellos, recolle os premiados nos dous primeiros certames
undefined
photo_camera Gañadoras da categoría infantil do II Certame de Microrrelatos do Concello de Vilalba. C.A.

O Concello vilalbés, na súa aposta por apoiar a cultura, presentou onte o libro Microrrelatos, unha obra editada por Alvarellos que recolle os 18 traballos premiados no primeiro e no segundo Certame de Microrrelatos Día do Libro de Vilalba, que organiza conxuntamente con Culturalia GZ.

No acto, que se celebrou na casa da cultura da capital chairega, tamén se fixo a entrega de premios da segunda edición do concurso que, en breve, tal e como anunciaron onte, lanzará a súa terceira convocatoria.

O acto celebrouse despois de "moitos meses adiando a data" debido á crise sanitaria do coronavirus, e nel estiveron presentes a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a concelleira de cultura, Vanesa Siso, xunto ao responsable de Culturalia GZ, Martiño Maseda, e a Henrique Alvarellos, da editorial Alvarellos, ademais de Armando Requeixo, en representación do xurado do certame tamén formado por Mercedes Queixas e Ánxela Gracián, que non puideron asistir finalmente.

Os gañadores -África Montenegro, Aroa Fernández e Paula Pérez, en infantil; Mariña Maceiras, Nee Barros e Carlota Millor, en xuvenil, e Pedro Naveira, que non puido asistir, Patricia Torrado e Cristina Arias, en adultos- leron os seus microrrelatos e os vilalbeses Baruk e Rosana Domínguez encargáronse da música.

"Proximamente publicaremos a convocatoria da seguinte edición xunto a Culturalia GZ, a quen agradecemos a dinamización cultural na nosa vila, concretamente nesta iniciativa tan fermosa", anunciaron dende o Concello.

Microrrelatos Vilalba (3)

Comentarios