O Concello tramita a construción de tres novas depuradoras no rural de Vilalba

Estas actuacións acometeranse con fondos propios, tal e como avanzou o alcalde, Agustín Baamonde

O Concello de Vilalba promove a construción de tres novas depuradoras de augas residuais no ámbito rural, concretamente en Goiriz, en Martiñán (Corbelle) e no Sixto (Sancovade). Estas actuacións acometeranse con fondos propios, tal e como avanzou o alcalde, Agustín Baamonde.

Actualmente atópanse en fase de redacción os proxectos das dúas primeiras, que servirán para substituír sendas depuradoras xa existentes, que son «moi antigas e obsoletas», posto que se construíron fai uns 25 anos. "Tanto porque usaban un sistema anticuado como polo paso do tempo e a falta de conservación e de mantemento, están dando problemas bastante notorios en canto a depuración, polo que é máis apropiado construír dúas novas", explicou o rexedor vilalbés.

No tocante á Edar do Sixto, o proxecto xa está redactado e conta coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, pero o Concello está a buscar uns terreos para habilitar as novas instalacións. Neste caso trátase de completar unha actuación previa neste barrio de Sancovade, moi próximo ao casco urbano vilalbés, onde se renovou a traída de auga e a pavimentación da rúa. "Vimos que o proxecto inicial non contemplaba o saneamento e aproveitamos que estaban as gabias abertas para pór a tubaxe, pero de momento os sumidoiros non funcionan porque falta a depuradora", precisou Baamonde.

O alcalde explicou ademais que xa se dispón do permiso da confederación hidrográfica para facer o verquido ao río Fabilos, pero que "é un terreo que se inunda con regularidade e que pode dar problemas" polo que se ven na obriga de "buscar un terreo un pouco máis adecuado" para este fin.

Comentarios