O Concello promove a primeira Feira Cabalar de Abadín o día 23 en Gontán

Celebraranse probas de andadura galega con máis de 1.300 euros en premios e haberá ruta, concurso de salto, xincana, comida popular e actuacións musicais
Campo da Feira de Gontán. C.PÉREZ
photo_camera Campo da Feira de Gontán. C.PÉREZ

O Concello organiza o sábado 23 a que será a I Feira Cabalar de Abadín, un evento que nace con vocación de continuidade e que se desenvolverá durante toda a xornada no Campo da Feira de Gontán. "Hai moita afección na zona e dúas asociacións equinas, por iso pensamos en organizar unha cita ecuestre, coa que tamén queremos dinamizar o municipio", din dende o goberno local.

O programa arrincará ás 10.00 horas coa saída dunha ruta cabalar, na que os participantes poderán saborear uns pinchos gratuítos. Os afeccionados ao mundo dos cabalos poderán gozar tamén pola mañá dun concurso de salto na área recreativa da Roxica e, a partir das 18.00 horas, dunha xincana (a inscrición péchase ese mesmo día ás 17.45).

Alyssa Pellei Equestrian Art ofrecerá por primeira vez o seu espectáculo ecuestre en Galicia

Haberá ademais probas de andadura galega nas que se repartirán máis de 1.300 euros en premios -en cada categoría concédense catro premios de 150, 90, 60 e 30 euros, agás na sub16, onde só hai trofeos-. Quen queira participar pode apuntarse dende este xoves 14 ata o día 21, chamando ao teléfono 658.03.20.19.

Pola mañá, as medicións serán ás 10.30 e unha hora despois disputaranse as competicións de chapeada e serrada de menos de 1,5 metros. Pola tarde, a partir das 15.30, chegará o turno da sub16 e das probas de chapeada e serrada para máis de 1,5 metros.

A entrega dos premios de andadura levarase a cabo tralo espectáculo de Alyssa Pellei Equestrian Art, unha artista rusa chegada dende Portugal que actúa por primeira vez en Galicia, fixado para as 19.00 horas.

A primeira Feira Cabalar de Abadín conta tamén coa participación de Puzzle Animación, que amenizará tanto a sesión vermú coma a verbena, e inclúe unha gran comida popular aberta a calquera persoa que queira sumarse.

A comida popular ten un custe de 26 euros e os tíckets para asistir pódense retirar ata o domingo 17

O xantar, servido por Hermanos Debasa, ofrece un menú a base de empanada, callos, churrasco, sobremesa e bebidas. O custo é de 26 euros (15 euros para os menores de cinco a dez anos e gratis ata cinco anos) e os tíckets pódense atopar, ata o domingo 17, nos bares Niza, Casa Goás e O Paso de Abadín ou chamando aos teléfonos 695.88.81.70 ou 605.34.91.37, cos que tamén se pode contactar para resolver calquera dúbida desta feira.

Comentarios