Castro de Rei

Castro de Rei destina máis de 400.000 euros a promover o aforro enerxético

Instalará placas fotovoltaicas na Etap municipal e na Edar do polígono e renovará luminarias dos núcleos urbanos
Iluminación na Avenida Terra Chá de Castro. C.ARIAS
photo_camera Iluminación na Avenida Terra Chá de Castro. C.ARIAS

O Concello de Castro de Rei destinará ao redor de 440.000 euros a actuacións para promover o aforro enerxético, entre as que destacan o cambio das luminarias e a instalación de placas fotovoltaicas. Ambas iniciativas axudarán a minguar as facturas que deben afrontar as arcas municipais e, ao mesmo tempo, reducir a contaminación.

A partida máis alta, de 270.000 euros, será para a instalación das placas fotovoltaicas que se colocarán na Etap de Quintela, da que depende o suministro de auga de gran parte do concello, e na Edar do polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea.

"Estimamos que se conseguirá un aforro de entre o 30 e o 35% nesas facturas", explica o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, que indica que entre as dúas instalacións xeran un dos gastos máis altos que debe afrontar o Concello.

"Ao ano pagamos uns 250.000 euros en facturas de luz e electricidade e o depósito de Quintela supón uns 120.000 euros ao ano", explica o rexedor de Castro de Rei, que subliña que, grazas á instalación das novas placas fotovoltaicas, esperan un aforro de 45.000 euros ao ano entre as dúas instalacións.

"Parece pouco pero significa moito", valora Francisco Balado, que destaca que a maiores do aforro económico —o grupo de goberno de Castro de Rei validou en maio un orzamento municipal de 5.238.053,67 euros para este 2019— tamén é moi importante a aposta polas enerxías limpas para reducir as emisión de dióxido de carbono.

"Aforras e non contaminas", di o rexedor dun concello que en maio, e co apoio dos tres grupos políticos, se adheriu ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía.

Con respecto ás luminarias, o Concello promove dúas iniciativas diferentes. Así, destinará 143.220 euros —a maior parte financiado con fondos Feder— a renovar o alumeado público de Castro de Ribeiras de Lea e 24.739 euros —promovido polo Idae a través do proxecto Ilumina da Deputación de Lugo— para cambiar as lámpadas actuais do núcleo urbano de Castro de Rei por novas de baixo consumo.

"No caso de Castro de Ribeiras de Lea cambiaranse máis de 300 luminarias, que pasarán a ser todas Led e que supoñen o 90% das bombillas totais que hai do núcleo urbano", explica o rexedor, que indica que no parque empresarial o cambio xa se fixo hai algúns anos e que só quedarán algunhas rúas fora deste proxecto. No núcleo de Castro de Rei o proxecto inclúe a sustitución do cen por cen das lámpadas.

"Este é un primeiro paso, porque necesita unha partida económica importante, pero a idea é continuar. Agora faremos os dous núcleos urbanos pero co tempo queremos facer o mesmo co alumeado público das parroquias", indica o rexedor. "A idea é estendelo a todo o municipio", di.

Comentarios