martes. 29.09.2020 |
El tiempo
martes. 29.09.2020
El tiempo

O Concello da Pastoriza restaura un cristo tras 40 anos gardado

Artífices da recuperación do Cristo da Caveira, xunto a el. EP
Artífices da recuperación do Cristo da Caveira, xunto a el. EP
Este elemento patrimonial, que data de comezos do século XIX, forma parte dun conxunto, con outros tres, no lugar de Xemil

O Concello da Pastoriza continúa co seu plan para acometer a recuperación de cruceiros, cristos e cruces do municipio desaparecidos ou con desfeitas e acaba de volver colocar, despois de catro décadas ausente, o coñecido como Cristo da Caveira, no lugar de Xemil, na parroquia de Bretoña.

Este elemento patrimonial, que data de comezos do século XIX, estivo derribado dende o ano 1979 e protexido no lugar de Caveira. "Recollérono os donos da finca e Patrimonio incluíuno no seu listado de propiedades. O Concello fixo un proceso de desafectación e pediu as licenzas pertinentes para poder recuperalo. Foi restaurado por un profesional", explicou o rexedor pastoricense, Primitivo Iglesias.

Este cristo forma un particular conxunto con outros tres no lugar de Xemil e que están colocados formando un rombo irregular e direccional, sinalando os catro puntos cardinais.

Así, o Cristo do Foxe, situado no Camiño Real e preto dun antigo 'foxo' para cazar lobos, sinalaba o oeste; o Cristo do Arandal, nome de lugar de arandos camiño de Bretoña, sinala o leste; o Cristo do Romeiro, preto da fonte que hai preto da capela de Santo Antón de Xemil, e que data do ano 1810, sinala o sur; e o Cristo da Caveira, no camiño do Campo do Oso, apunta cara ao norte.

Todos eles foron feitos por canteiros de Santa María Maior de Mondoñedo, xunto con outros moitos da Pastoriza, e están incluídos no libro "Cruceiros, cristos e cruces de A Pastoriza" de Mario Saavedra -que colaborou aportando información e directrices para a recuperación deste segundo cristo en Xemil-, José Manuel Blanco e Fernando Arribas, dentro do proxecto Carboeira.

"Esta é unha pequena contribución do Concello ao noso patrimonio cultural e inmaterial", apuntou o rexedor da Pastoriza, que avanzou que están cos trámites para localizar outro cruceiro perdido, do que xa teñen "indicios", e proceder ao seu amaño.

"Cun pequeno esforzo económico e con ansia de reconstruír, queremos cooperar non deixando que desaparezan estas cousas que forman parte das paisaxes das nosas vidas e os nosos sentimentos, desde os antepasados ata o presente", asegurou Primitivo Iglesias.

Tamén entra nas intencións do goberno municipal planificar unha serie de roteiros para dar a coñecer este patrimonio da Pastoriza.

CARACTERÍSTICAS. O Cristo de Caveira conta cunha base, cruz latina e tipoloxía florenzada. Está formado por unha base troncopiramidal con duas caveiras no anverso e a efixie de Cristo atopábase deteriorada dende hai uns 30 anos.

É coñecido como Cristo da Caveira porque está preto do antigo Camiño Real de Lugo a Mondoñedo e no lugar era costume colocar unha caveira dunha vaca como sinal de perigo.

O Concello da Pastoriza restaura un cristo tras 40 anos gardado
Comentarios