O Concello convoca o VII Premio de Investigación Xermade na Historia

O certame, impulsado pola asociación veciñal de Cabreiros e a USC, estará aberto ata o 19 de febreiro de 2021. Concederase un primeiro galardón de 2.000 euros e un segundo de 1.000
El antropólogo Rafael Quintía, gañador da sexta edición. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O antropólogo Rafael Quintía, gañador da sexta edición. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A xunta de goberno local de Xermade aprobaba esta semana a convocatoria da sétima edición do Premio de Investigación Xermade na Historia, que organizan conxuntamente o Concello, a asociación de veciños de Cabreiros e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, co patrocinio da Deputación de Lugo.

O prazo para presentar os traballos estará aberto ata o día 19 de febreiro de 2021 e todas as obras presentadas optarán a unha das dúas recompensas contempladas nas bases: un primeiro premio recoñecido con 2.000 euros e un segundo galardón dotado con 1.000 euros.

Os interesados en participar poderán facelo tanto de xeito individual como colectivo e con cantos traballos queiran presentar, sempre que estes versen sobre temas relacionados co patrimonio etnográfico e cultural de Xermade: tradicións, ritos, festas, arte popular, memoria histórica, costumes, arquitectura, etc. A súa extensión será dun mínimo de 50 folios e dun máximo de 400 e deberán estar escritos en galego.

As investigacións deben remitirse por correo ao rexistro municipal e presentarse en DIN A4, con letra Times New Roman 12 e un interliñado de 1,5, cunha copia en PDF en CD. Irán acompañadas dun sobre pechado cos datos persoais do autor ou autores, así coma o seu currículum vitae, e do modelo de presentación que pode atoparse na web municipal, www.xermade.org, debidamente cuberto.

A organización resérvase o dereito de editar as obras gañadoras, tal e como xa fixo coas de edicións anteriores. Así, en 2017 vía a luz unha primeira publicación que recollía os cinco traballos distingidos na primeira e na segunda edición, que abordaban o Xermade castrexo e galaico-romano, a neveira de Lousada e a súa relación co camiño entre Mondoñedo e Ferrol, as carboeiras, a igrexa de Santo Tomé de Lousada e o patrimonio cultural do concello relacionado coa auga.

O Concello ten xa listo un segundo libro, cunha tirada de 250 exemplares, que recolle as obras premiadas nos restantes certames, que repasan a historia de Cazás, a pegada do torno na localidade nos últimos anos, o patrimonio artístico e relixioso do municipio e a paisaxe do concello na preshistoria.

Pendente de publicar está a obra gañadora da sexta edición, un traballo de Rafael Quintía que repasa a tradición do Entroido no municipio ao longo do século XX. O ditame do xurado, reunido por vía telemática, fíxose público a comezos de abril.

Cabreiros adía as Xornadas Rurais
A asociación de veciños de Cabreiros, xunto ao Concello e á USC, decidiu adiar a celebración da XVI Xornadas Interxeracionais Rurais, ante a situación de crise sanitaria e para evitar riscos. Nesta cita enmarcábase a entrega do premio Xermade na Historia dende o nacemento deste. Entrega e presentación A idea dos promotores é, cando as circunstancias o permitan, recuperar algúns dos actos, entre eles a entrega do premio ao antropólogo pontevedrés Rafael Quintía, ademais de presentar o segundo volume que recolle traballos premiados en edicións anteriores.

Comentarios