Concello e asociacións reúnense con empresas promotoras de proxectos nas Pontes

A concelleira de Industria, Ana Pena, e representantes de Cohempo e de Seara participaron nun encontro informativo con membros de Ence, Reganosa e EDP Renovables, así como do Instituto de Transición Xusta
Reunión celebrada nas Pontes. EP
photo_camera Reunión celebrada nas Pontes. EP

A concelleira de Industria das Pontes, Ana Pena, e representantes das asociacións empresariais locais Seara e Cohempo, participaron este mércores nun encontro informativo con representantes de Ence, Reganosa e EDP Renovables. Á xuntanza, na que se repasou a evolución dos proxectos industriais que se promoven na vila, tamén se sumou telemanticamente o Instituto de Transición Xusta.

"Tal e como nos trasladaron as propias firmas, os proxectos continúan avanzando a bo ritmo nos seus procedementos administrativos despois de que no mes de xullo, tanto a planta de fabricación de pneumáticos de Sentury como a planta de hidróxeno verde fosen declarados proxectos estratéxicos, de interese comunitario, pola Xunta de Galicia", explicou Pena ao remate do encontro, puntualizando tamén que "Ence continúa cos estudos previos á presentación do proxecto definitivo da bioplanta para a produción de fibras recuperadas e biomateriais que proxectan no antigo parque de carbóns de Saa".

A concelleira pontesa aproveitou tamén para lembrar a relevancia destes proxectos como proxectos tractores, evidenciada, segundo destacou, coa recente adxudicación provisional dos 24 millóns de euros do Perte de enerxías renovables, que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, á planta de hidróxeno verde que promoven Reganosa e EDPR. 

Pena incidiu en que se trata dun "apoio institucional que estamos seguros se verá ampliado en próximas convocatorias, tendo en conta a capacidade xeradora de emprego destas iniciativas empresariais e a recente publicación das primeiras liñas de actuación dos 111 millóns de euros destinados á provincia da Coruña; que veñen a reforzar os 50 millóns de euros que, desde o Instituto de Transición Xusta, a través da convocatoria publicada a semana pasada, destina á creación e mantemento de pequenos e grandes proxectos nos territorios afectados polo peche ou previsión de peche de centrais térmicas"

Comentarios