O Concello e a Asociación Feminista de Vilalba impulsan un Punto Lila na Xira

O servizo, atendido por un equipo multidisciplinar, estará operativo o sábado 24, dende as dúas da tarde ata as cinco da mañá e o domingo 25, de dúas a cinco da tarde
ptroz
photo_camera Presentación do Punto Lila da Xira. EP

O Concello de Vilalba y a Asociación Feminista deVilalba veñen de asinar un convenio de colaboración a través do que impulsan conxuntamente a colocación dun Punto Lila de atención e información ao redor das violencias machistas na Xira vilalbesa, que se celebra esta fin de semana, os días 24 e 25, na área recreativa da Madalena.

"No Punto Lila ofrecerase información, asesoramento e acompañamento ante calquera caso de agresión sexual", explica a concelleira de igualdade, Vanesa Siso, que precisa tamén que no posto se buscará visibilizar e concienciar sobre a "importancia das relacións respectuosas".

O Punto Lila estará atendido por un equipo multidisciplinar de voluntarias especializadas en igualdade e violencia de xénero, con perfís profesionais relacionados coa psicoloxía, a pedagoxía, e traballo e educación social, ademais de contar con formación específica en xénero.

"O persoal do Centro de Información á Muller de Vilalba fixo unha formación e asoramento ás voluntarias para determinar o proceder ante os diferentes casos que se poidan presentar", concretou Siso, que puntualizou tamén queo contacto coa Garda Civil será permanente.

O servizo, que se completará co reparto de folletos informativos e de paneis divulgativos, estará operativo o sábado 24, dende as 14.00 ata as 05.00 horas, e o domingo, de 14.00 a 17.00 horas.

Comentarios