
A comunidade de montes veciñais en man común de Baamonde anuncia que na súa próxima asemblea se abordará unha proposta para financiar o 50% do transporte escolar aos alumnos do colexio local que, se este finalmente pecha, opten por matricularse no Ceip Santo Estevo de Parga. "Sabemos que varias familias están dubidando por este motivo e queremos achegar a nosa colaboración", indican.
"Dende Baamonde hai só un quilómetro de diferenza entre ambos centros —con respecto ao Ceip Virxe do Corpiño de Begonte—, por que ten un transporte e o outro non?", pregúntanse, ao tempo que agradecen a disposición dos comuneiros de Parga a subvencionar o comedor escolar logo das "ameazas de perder o dereito ao comedor e transporte de non se trasladar a Begonte"..
"Queremos que as nais e pais de Baamonde e de Pígara teñan libre elección de centro, sen ameazas nin recortes de dereitos", inciden dende a CMVMC de Baamonde.