Como un máis da familia

O mozo vedrés Brais Couto está a facer prácticas de Educación Social no Concello xermadés, onde un matrimonio de Miraz o acolleu coma un fillo

Rocío Pena, Brais Couto e José Carballo. MARTA MANCEBO
photo_camera Rocío Pena, Brais Couto e José Carballo. MARTA MANCEBO

Redescubrir Xermade a través dos ollos dun foráneo. É unha das misións que ten Brais Couto, un mozo da localidade coruñesa de Vedra, que está a facer as súas prácticas de terceiro curso de Educación Social no Concello de Xermade.

"Entre Manuela Vilaboy -a educadora familiar municipal- e Suso Rodríguez -profesor da USC- liáronme", explica este mozo de 24 anos, que atopou rapidamente unha nova familia coa que compartir esta "enriquecedora experiencia".

Eles son Rocío Pena e José Luis Carballo, veciños da parroquia de Miraz, que abriron de par en par as portas da súa casa para recibilo como "un máis da familia". "É moi boa xente, un rapaz moi xeitoso", di a muller, encantada con poder aumentar a familia temporalmente -xa ten dous fillos e unha filla-.

Dende que chegou, e ata o día 8 de abril que marche, Brais acompañá a Manuela nas tarefas que desenvolve, sobre todo de traballo comunitario. "Son as miñas primeiras prácticas, estou encantado", di o estudante, que recoñece que non coñecía esta zona. "Só Cabreiros, e polas veces que Suso repite en clase que el naceu aquí", conta entre risas.

O estudante contará a súa experiencia durante estes semanas nas próximas Xornadas Internacionais Rurais de Cabreiros

O mozo adaptouse perfectamente a esta contorna rural. "Gústame moito. É un concello máis grande e moito máis disperso que onde vivo, pero a zona é preciosa, moi bonita", asegura Brais, que non dubida en botar unha man tamén na casa.

"Axúdanos coas vacas, trouxo roupa de oficina e tamén de traballo", confirma Rocío, mentres o estudiante di que non é de cidade e, aínda que nunca tivera reses na casa, esta tamén está sendo unha gran oportunidade de coñecer outras formas de vida.

Todas as vivencias colleitadas ao longo destas prácticas serán explicadas polo protagonista nas vindeiras Xornadas Interxeracionais de Cabreiros, un adianto que podería ter unha segunda parte.

"Gustaríame facer as próximas prácticas e o proxecto aquí. Estamos falando de facer algo interxeracional entre nenos e maiores, recuperar actividades de antes e poñelas en valor", resume Brais, quen agradece o recibimento dunha vila que xa permanecerá para sempre no seu corazón.

Comentarios