Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

"Comezamos en Vilalba porque nos coidan moito, estamos coma en familia"

Xosé Touriñán e Carlos Blanco dan este venres o pistoletazo de saída na capital chairega a 'Unha noite na praia', dirixida por Javier Veiga

"Dous tipos que se atopan nunha praia e non se entenden nin se poderán entender nunca". Esa é a sinopse máis abreviada de Unha noite na praia que pode dar o seu ideador e director, Javier Veiga.

Os dous tipos non son outros ca Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, parella de ases para unha comedia "con trampa", di Touriñán. "Con moita salitre, con mar de fondo, con mala baba", engade Veiga.

Os tres estrearán este venres a peza en Vilalba ás 21.00 horas, ante un auditorio municipal repleto de espectadores que xa coñecen ben. Durante toda a semana os dous actores estiveron ensaiando a obra, coa que comezaron a familiarizarse a comezos de ano. Xa antes, tanto Touriñán coma Blanco pisaran Vilalba xuntos grazas ao espectáculo Somos criminais, o cal lles fixo acadar o cheo na práctica totalidade dos seus pases. Veiga tamén estivera "hai uns oito ou nove anos actuando", lembra.

Así mesmo, o actor culleredés non perde a ocasión de falar dos "amigos" que ten en Vilalba e en Santaballa "grazas á Liga Santaballesa", cos que fixeron "moitas cousas, non paran de traballar", aclara Touriñán, ao tempo que recordou que sempre que actuou no auditorio Carmen Estévez "foi impresionante, o público pórtase xenial, só atopamos amabilidade".

Durante unha hora e media de representación, o público asistirá á tensa relación entre Manuel e Klaus, un galego e un sueco

Vilalba será a primeira parada, "a clave, coa que testaremos a obra e incluso a nós mesmos", por iso o público "terá moita responsabilidade". A localidade escollida para dar o pistoletazo de saída a moitas noites na praia débese, segundo os artistas, a que "aquí nos coidan moito, dannos todas as facilidades. É un sitio pequeno no que estamos coma en familia e así é moito máis fácil traballar".

Aínda así, os dous intérpretes, que veñen das improvisacións de Somos criminais, recoñecen que "isto é totalmente diferente, é teatro puro. Cambia o xeito de actuar e de interactuar co público. Aquí o público é o mar, o texto está feito ao milímetro", explican acerca dunhas liñas que Veiga creou "hai un par de anos" e que xa estreou en México. Pero deste lado do océano será a primeira ocasión na que estree antes en Galicia ca en Madrid, comenta o director.

Por diante quedan outros dous pases este sábado, ás 20.00 e ás 22.30 horas, ademais dunha trintena de funcións que os levarán por toda Galicia con breve descanso no verán, "cando só actuaremos na illa de Arousa".

Tal e como din os tres cabezas visibles de Unha noite na praia, o espectador que acuda á cita coas táboas coa idea de ver unha historia a base de sketches atoparase con teatro con toques cómicos e xiros inesperados. "Esperemos que rían, e moito", apunta Carlos Blanco.

Durante unha hora e media de representación, o público asistirá á tensa relación entre Manuel e Klaus, un galego e un sueco, un que quere marchar e outro que non quere levantase da súa hamaca. Touriñán define o seu papel, outro Manolo, como "un tipo básico, túzaro, unha personaxe á que xa me acheguei nalgunha outra ocasión", mentres que Carlos Blanco fala de como chegou a lograr o acento nórdico.

"Moitos capítulos de Españoles por el mundo en Suecia e a axuda da concelleira da illa de Arousa Gabrielle von Hundelshausen", explica o das Rías Baixas. Dous homes que "non poderían ser outros ca estes dous", conclúe Javier Veiga.

"Comezamos en Vilalba porque nos coidan moito, estamos coma en...
Comentarios