A crónica negra feita pedra

Os sucesos existiron sempre. Agora enchen páxinas de xornais ou saltan á gran pantalla, pero noutros tempos a historia máis escura labrábana coas mans os canteiros. Na comarca chairega algúns dos crimes máis cruentos recórdanse en cruceiros
Cruceiro de Vicenta Balsa en Lousada, Xermade. AEP
photo_camera Cruceiro de Vicenta Balsa en Lousada, Xermade. AEP

Dicía Castelao que un cruceiro é un perdón do ceo, e detrás de cada un escóndese unha historia. Monumentos de devoción ou de memoria, tamén relatan a crónica negra en pedra, sinalando lugares nos que morreu unha persoa, de forma natural e tamén por causas violentas.

Calcúlase que en Galicia hai entre 10.000 e 15.000 e moitos deles concentránse na provincia de Lugo. Na comarca chairega o Proxecto Carboeira, formado polos investigadores Fernando Arribas, José Manuel Blanco e Mario Saavedra, ten documentados máis de 50 monumentos funerarios, entre cruceiros, cristos e cruces.

Na Terra Chá, hai un listado de máis de 40 elementos que se ergueron en memoria “dunha morte ocasional, provocada pola mesma persoa (suicidio), accidental con arma, con intención non descuberta, persecución...”, explican os integrantes do grupo.

En Abadín están documentadas dez cruces, dous cristos e un cruceiro que rememoran a morte. Este último na Pedrosa, na parroquia de Vilarente, lembra a Jaime Iglesia Alvariño, que perdeu a vida en 1938 na fronte de Teruel.

En Vilalba hai sete cruceiros que rememoran pasamentos sen violencia -o do adro da igrexa de Corbelle, por exemplo, recorda a un crego que faleceu en 1955-

Hai oito cruces en Muras que recordan falecidos, como a de Bustelo, en memoria de Jesús Otero Otero, un cazador de 25 anos que morreu no monte de Xelgaiz. E no concello da Pastoriza atópanse tres cruceiros e catro cruces co mesmo fin, como o de Perín, que lembra a un crego morto na Habana durante a guerra de 1898, ou unha cruz de ferro en Bretoña, en memoria dun albeite, Andrés de Antón.

En Vilalba hai sete cruceiros que rememoran pasamentos sen violencia -o do adro da igrexa de Corbelle, por exemplo, recorda a un crego que faleceu en 1955-. En Xermade hai catro cruces co mesmo fin, aínda que a do adro da igrexa de Cazás é colectiva (ergueuse en 1940 polos caídos), e en Cospeito e en Castro de Rei hai unha en cada concello, en Xustás e en Santa Locaia.

Pero a crónica negra máis cruenta tamén está representada en pedra e son unha ducia, polo menos documentados, os elementos do patrimonio que recordan na Terra Chá crimes escuros.

Un dos máis explícitos é a cruz dunha muller violada e asasinada supostamente por un transportista de viño en Lousada (Xermade): “Aquí, el 13 de noviembre de 1901 uno mató a Vicenta Balsa. 58 años DEP”, reza. Pero non é a única.

En Abadín, o cruceiro de Xan nas Basilias, en Labrada, ergueuse por unha muller envelenada por amoríos

O cruceiro das Ferrerías de Piñeiro, tamén en Xermade, foi colocado polo propio asasino para redimir o pecado e en Vilalba unha cruz recorda o crime de Legua Dereita e a Cabarcos, esfolado en 1911 por uns veciños nun macabro crime co que pretendían usar a súa pel para curar a unha muller con cancro.

A cruz da Pena da Meda, en Xelgaiz (Muras), recorda a Josefa, costureira asasinada despois de ser violada a finais do século XIX. En Cospeito está a da Salgueirada, na Granda, en Xermar, en memoria da morte dun señor de forma violenta, e a do Toiral, que di: “Aquí falleció José Broz Pedreira en el día 27 de septiembre del año 1936”.

En Abadín, o cruceiro de Xan nas Basilias, en Labrada, ergueuse por unha muller envelenada por amoríos e a cruz de Pasadiña, tamén en Labrada, por unha muller morta por un disparo de escopeta xogando cun cazador. En Zoñán, Moncelos, a cruz de José Montoya Barral ten unha lápida de mármore que rememora que o matou a Garda Civil en 1940 e a cruz da Campaneira, en Moncalvo (Quende), recorda que Otilia, de 22 anos, foi asasinada por outra muller por celos na primeira metade do século XX. Na parroquia de Abadín hai outra cruz en memoria de Eduardo Oseira Bouza, “muerto alevosamente el 6 de agosto de 1948”.

Comentarios