O xermadés Gonzalo Pena, coa Vespa á fin do mundo

Sempre tivo moto, pero non foi ata que se xubilou que comezou a facer rutas e a trabar amizade en varios clubs, o que o fixo merecedor dunha homenaxe
Gonzalo Pena, coa Iris e cos seus cabalos. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Gonzalo Pena, coa Iris e cos seus cabalos. CRISTINA PÉREZ

Se alguén lle propuxese ao xermadés Gonzalo Pena Cabarcos darlle a volta ao mundo en Vespa, probablemente diría que si. Porque a este xubilado con espírito de neno gústalle viaxar e encántanlle as motos en xeral e as vespas en particular. Por iso, unha vez que deixou a gandería e se atopou con tempo para gozar das súas afeccións, non o dubidou, mercou non só unha, senón dúas de segunda man, púxose en contacto con varios clubs e comezou a rodar por toda Galicia, e polo norte de España: "Ata Valladolid e sen chegar a Cataluña", aclara.

"Tiven moto toda a vida, a primeira comprouma meu pai cando tiña 14 anos ou por aí, costara 12.000 pesetas... é que fun un neno mimado", lembra rindo Gonzalo, que bota a vista atrás para ir repasando as que foi tendo, coma unha Gibson "de catro marchas", unha Bultaco 175 ou unha de trial, coa que ata gañaba unha proba organizada na súa parroquia, en Momán, durante unha festa. Gustáballe, pero recoñece que "bebía moito".

Gonzalo ten dúas vespas e preparou unha furgoneta con todo o necesario para ir de viaxe varios días e levar unha das motos

E, por suposto, tamén tivo unha Vespa. "Compreina usada e partina polo medio, andaba con ela por camiños e non está feita para eso, pero eu ía polas vacas nela, metina nun rego e dobrou", conta. Aquela experiencia non fixo que se desencantase do modelo e agora ten dúas: unha Iris 200, con case catro décadas de vida e á que lle incorporou unha vella cesta "que levaba miña nai á feira", e unha GTS 300, á que el chama Getas, "púxenlle vocais e así represéntame un pouco a min, que teño moita cara", bromea rindo.

Dende longo, pegada alá por onde vai deixa, e proba diso é a homenaxe sorpresa que acaban de renderlle, "por ser un hombre entrañable en el mundo de las vespas"», o Vespa Club España e varios clubs asturianos e galegos no decurso dunha cea no restaurante Tino de Momán.

E co fin de seguir gozando ao máximo desta afección, Gonzalo tamén preparou unha furgoneta con todo o necesario para pasar varios días fóra da casa. Ten ducha, baño, fregadeiro, microondas, pódense habilitar varias camas... sen esquecerse dun portamotos interior e da imprescindible rampla para poder subir unha das súas queridas vespas. 

Comentarios