O Club Vela Fluvial As Pontes, premiado na Gala da Vela Galega 2021

A federación recoñeceu a Copa de España de clase vaurien coma o Mellor Evento Nacional de Vela organizado en Galicia e a Marta Torres e María Lefler, subcampioas de Galicia e de España e que foron a primeira tripulación feminina no ránking vaurien galego

Marta e María, na entrega de premios. RFGV
photo_camera Marta e María, na entrega de premios. RFGV

O Club de Vela Fluvial As Pontes vén de ser recoñecido na Gala da Vela Galega 2021, onde tamén recibiron unha distinción as súas regatistas Marta Torres e María Lefler. Ao evento, na que os grandes protagonistas foron os olímpicos en Tokio Nico Rodríguez (bronce) e Támara Echegoyen (diploma olímpico), acudiu unha delegación encabezada polo presidente do club, Miguel Ferreiro, e pola concelleira de turismo das Pontes, Elena López.

Nesta cita promovida no auditorio de Vilagarcía pola Real Federación Galega de Vela, o club pontés recibiu o premio ao Mellor Evento Nacional de Vela organizado en Galicia pola proba da Copa de España da clase Vaurien que o pasado mes de abril enchía de velas o lago durante catro xornadas. 

"A dispoñibilidade tan grande de espazo libre en terra, a cercanía e o fácil acceso entre zonas de varada de barcos e a auga, a dotación de instalacións e medios, que aínda que provisionais, facilitaron a estancia de regatistas e acompañantes no lago, un equipo organizativo formado por socios e os nenos da escola do club que funcionou coma un reloxo suízo e, sobre todo, a aplicación e cumprimento dun esixente protocolo de prevención do covid-19 foron elementos determinantes para que o xurado da Real Federación Galega de Vela puxera os ollos no evento", lembran dende o CVF As Pontes.

Por outra banda, as regatistas Marta Torres e María Lefler foron premiadas polo seus éxitos deportivos no ano 2021, no que finalizaron como primeira tripulación feminina do ránking vaurien galego, además de ser subcampioas galegas e subcampioas de España. "Gran temporada das regatistas que dende a primeira regata da tempada estiveron subíndose ós podios", precisan dende o club, que empeza a facerse un oco na vela galega, dominada polos grandes clubs costeiros de Galicia.

E como exemplo disto serven a tripulación xuvenil formada por Javier Martínez e Mariano Torres, que acabaron quintos no ránking galego da clase vaurien. Ademais, grazas ao incremento de nenas e de nenos interesados en practicar vela, o club foi quen de sacar adiante dous equipos de competición para os máis pequenos, na clase Optimist, cun equipo de regata e outro de escola.

De cara a 2022, o lago de As Pontes, un enclave estratéxico, volverá ser a sede de dous importantes eventos da vela galega, o Campionato Galego da clase Vaurien e o Campionato Galego por equipos da clase Optimist.

Miguel Ferreiro (esquerda). EP

Comentarios