A CHAIRA, 15 ANOS: FEIRAS E FESTAS

Citas que enchen o almanaque e exercen de motor económico

O gando, os traballos do campo, os oficios ou a música continúan como protagonistas nos eventos da zona
2012 ▶ A última Feira do Gando do País, en Bretoña. AEP
photo_camera 2012 ▶ A última Feira do Gando do País, en Bretoña. AEP
Ollo ao dato
As comarcas de Terra Chá, Meira e a localidade das Pontes suman seis eventos coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia. Son a Filloa, en Muimenta; Pardiñas, en Guitiriz; o Poldro, en Muras; o belén, en Begonte; a Malla, en Meira, e  A Fraga, nas Pontes. 
Aquel día
O 22 de setembro de 2013, As Pontes acolleu unha atípica romaría da Fraga. A cita, que fora posposta pola traxedia de Angrois no mes de xullo, saltou no calendario cunha celebración menos multitudinaria e con menos visitantes.
Escrito en pedra
O recinto feiral de Muimenta, no que se celebran algunhas das citas máis importantes do calendario festivo da Chaira, leva o nome, dende o 1 de outubro de 2006, de Manuel Vila, un dos principais promotores da Moexmu.

Máis dun milleiro de explotacións repartidas polos concellos das comarcas de Terra Chá e Meira sitúanas como unha gran potencia gandeira. Cifras que permiten entender o por que de que o calendario festivo estea cheo de citas nas que os animais son os principais protagonistas.

A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), con 35 edicións ás súas costas e que acolle o único concurso de gando de toda a provincia —na edición que se suspendeu en 2020 pola crise do covid ía albergar unha proba autonómica—, é unha desas citas nas que se amosa o peso do sector.

Como tamén se constata na tradicional Feira de Santos, que enche de animais e transaccións o recinto feiral de Gontán, en Abadín; na Feira do Cabalo, en Castro de Ribeiras de Lea; ou nas da Maquinaria Usada —con tres décadas de historia— e do Porco da Ceba, que se celebran ambas na capitalidade municipal de Cospeito, na Feira do Monte.

Precisamente o gando de monte era o principal reclamo dunha cita que se celebrou durante cinco edicións en Bretoña, na Pastoriza, e o que move centos de curiosos e visitantes na Feira do Poldro de Muras, que dende 2019 é Festa de Interese Turístico de Galicia.

Pero non só os animais de catro patas teñen o seu oco nas feiras e festas da volta. A música é outro deses alicientes que fan que os visitantes anoten en cor vermella no calendario os días nos que se celebra un ou outro evento. 

Un dos máis destacados, non só pola súa ampla programación —ademais de concertos hai mostra de instrumentos, artesanía, aberto de billarda, carreiras populares...—, senón polas máis de catro décadas que leva organizándose de maneira ininterrompida, é o Festival de Pardiñas, en Guitiriz. 

Polo seu escenario levan pasado grupos de Finlandia, Italia, Rusia, Cuba, Portugal, Irlanda e un longo etcétera, o que demostra a súa importancia a nivel local, nacional e internacional.

A menor escala, tamén teñen o seu peso no calendario o Festival 27373, que se celebra en Begonte, ou o da Chaira, convocado dende hai 15 anos por un grupo de mozos en Baltar, na Pastoriza.

O FIV de Vilalba, que naceu en 2008 dentro das patronais de San Ramón, tamén foi gañando importancia co paso dos anos, e converténdose coa súa particular cor fucsia na cita coa que se abre a tempada de festivais en Galicia.

A música tamén é o principal reclamo de múltiples festas máis pequenas como as do San Roque e As Pedreiras, tamén na capital chairega, que inclúen no seu programa a Xuntanza de Voces de Vilalba.

Nas Pontes, a raíz da pandemia, naceu o Sons da Bocanoite, un pequeno festival co que manter a programación cultural e dinamizar o sector da hostalaría mentres se levan as melodías ás rúas. Unha proposta que comparte o Sons das Pontes, un festival de música clásica que este xullo celebrará a súa cuarta edición.

As tradicións e os costumes de antano son outros dos piares nos que se sustentan os eventos que se celebran ao longo do ano na Chaira. Un dos máis destacados, por ser Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2006, e por levar case 30 anos celebrándose, é a Festa da Malla de Meira. A menor escala, tamén dende hai dúas décadas, os veciños de Castro de Rei amosan todo o proceso de separar o grao da palla. 

Os traballos tradicionais do campo son parte do atractivo da Romaría Labrega da Chaira, que se celebra no verán na parroquia guitiricense dos Vilares, e que inclúe na súa programación carreiras de cortacéspede ou concursos de sega con gadaña ou anciñado.

Os xogos tradicionais de antano son o epicentro da festa de Xotramu, en Muimenta, e parte da programación noutros eventos como a Romaxe Artesá da Chaira, en Muras, que o que busca é poñer en valor o traballo feito a man.

Unha reivindicación pola que tamén apostan nas feiras de artesanía que se organizan en varios municipios, ou no Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, o principal evento de Xermade.

A Tasca do Liño de Insua é outra desas citas que trae de volta ao presente un labor ancestral, como tamén o é o do traballo da pedra, que centra a Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga.

A estas citas súmanse outras que non poden faltar no calendario, como o San Xoán de Vilalba ou a Cita coa Historia e a Noite Meiga, ambas nas Pontes.

Na lea de recuperar eventos curiosos estaban antes da pandemia en Bretoña, onde durante anos se celebrou o Lugnasad, a festa coa que os celtas daban inicio ao verán e que ata ofrecía a posibilidad de oficiar casamentos.

E con larga tradición nas súas costas tamén están o Entroido de Val de Francos —promovido polas parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno—, a centenaria romaría da Fraga das Pontes, a Xira de Vilalba ou o Santo Alberte de Parga.

E a todas elas súmanse moitas outras nas que o principal é saborear un bo ágape de irmandade e compartir contos cos veciños como no Festexo da Troita de Ribeira de Piquín, na Paella de Momán ou no San Isidro de Pol.

SEMANAIS E MENSUAIS. Pero non só estas grandes citas que moven moita xente son importantes para a comarca. As feiras e mercados que se desenvolven ao longo de todo o ano son pezas fundamentais na engranaxe económica dos concellos da Chaira.

Na actualidade mantéñense —algunhas estiveron paradas por mor da pandemia— as feiras e mercados en Gontán (Abadín), en Castro de Ribeiras de Lea e en Castro de Rei, en Cospeito e en Muimenta, en Meira, en Mosteiro (Pol), en Guitiriz, na Pastoriza, en Vilalba, en Xermade ou nas Pontes

Ademais, recuperouse en 2014 a feira mensual de Bretoña, que se celebra o segundo sábado de mes, e en 2016 a de Reigosa, que dende entón enche de xente e postos a parroquia os últimos sábados de mes. 

A oferta feiral complétase coa cita de Parga, que é probablemente a única de carácter privado que resiste en toda Galicia.

Protagonista
imgDataSalustiano Ameneiro. Salustiano Ameneiro foi durante máis de seis décadas —a súa última intervención sobre o escenario tivo lugar no ano 2013— o mestre de cerimonias da poxa de produtos da terra que se celebra con motivo das festas do San Vicente, no barrio pontés de Pontoibo. Dita poxa, coa que se recadan fondos para organizar estes festexos, é aínda hoxe o prato forte desta lonxeva celebración. Salustiano acudiu como un veciño máis á ultima edición —celebrada en xaneiro de 2020, xa que en 2021 non se promoveu debido á pandemia do coronavirus— cando acababa de cumprir 100 anos.

Comentarios