A Cita coa Historia pecha unha nova viaxe e gaña visitantes caracterizados

Os organizadores destacan o aumento da xente que aposta por vestirse para este salto a tempos pasados durante tres días

Integrantes de Que Máis Ten Teatro, no photocall. C.ARIAS
photo_camera Integrantes de Que Máis Ten Teatro, no photocall. C.ARIAS

Tras tres días de viaxe ao pasado no barrio pontés da Vila, a quinta Cita coa Historia despídese con bo sabor de boca debido á afluencia de xente -pese a que o venres foi máis frouxo, aumentou de forma considerable nas dúas xornadas seguintes- e a que esta edición gañou visitantes caracterizados, un dos retos que se marca a organización.

"Tivemos moita máis participación que o ano pasado no concurso de caracterización. Este ano fixéronse sobre 50 tomas, entre as fotos individuais, de parellas ou grupos", explicaron, ao tempo que destacaron que o photocall funcionou moi ben.

"Xa está conseguindo unha certa entidade dentro do programa e notamos tamén que a xente xa deixa de pensar no que era a antiga feira medieval para centrarse na Cita coa Historia de galaicos e romanos", explicaron os promotores dunha viaxe no tempo que se repite dende hai cinco anos.

O arqueólogo Marcial Tenreiro, as artesás Raquel Arnaiz e Carolina Diguele, Bibiana Gastañaduy, do comercio Tres Lúas, o fotógrafo Hulo López Arias, a concelleira de cultura, Sonia Sueiro, e representantes da asociación Lembranza da Vila formaron o xurado que onte, ás 19.00 horas, entregou os premios do concurso.

PREMIOS. Mario Basanta gañou o individual infantil e xunto a Aroa Domínguez conseguiu o de parella. Tamara Corral levou o premio de individual na categoría de adulto e Aitor e Aroa no de parella. O premio para o grupo foi para Trebas Galaicas. En total, repartíronse 500 euros en vales de compra para a hostelería e o comercio local.

Comentarios