ESPECIAL A CHAIRA

O CIN de Bretoña completa a súa oferta con catro novas exposicións

Acolle mostras de pezas do Castro de Saa e de fotos antigas e o artista local Fernando Villapol promove outras dúas
Acto inaugural das novas exposicións no CIN de Bretoña. M.ROCA
photo_camera Acto inaugural das novas exposicións no CIN de Bretoña. M.ROCA

A inauguración en agosto do 2019 do Centro de Interpretación (CIN) de Bretoña foi o punto de partida para facer realidade a aposta do Concello por promocionar en poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e etnográfico do municipio. Pouco a pouco, o espazo da coñecida como Casa de Galocha —reformada xunto co seu contorno grazas a varios convenios coa Deputación— foise enchendo de contidos, aínda que o parón obrigado por mor do covid-19 foi retrasando os plans.

Pero agora, coa chegada do Nadal, o Concello quixo aproveitar estas datas para darlle un novo pulo ao CIN de Bretoña, que acolle a partir de agora catro novas exposicións, de temática variada pero coa Pastoriza como epicentro e que se unen á permanente sobre a historia da diócese britoniense e da orixe da vila pastoricense.

Primeiro abriuse ao público unha mostra cunhas 30 pezas e obxectos localizados no Castro de Saa nas distintas escavacións que se fixeron desde 2016. Conta tamén cuns paneis informativos e estará localizada no soto do inmoble durante, como mínimo, un ano.

No primeiro andar acaban de abrirse outras dúas exposicións. Unha é de fotografías antigas nas que se mostran oficios, persoeiros, festas, traballos e eventos sociais do século XX na Pastoriza. 

A outra esta promovida polo artista local Fernando Villapol, que dá a coñecer material de persoas relevantes de Bretoña, como o médico Pedro Gasalla —unha reprodución dun libro que escribiu sobre os contaxios nos bares, de finais do século XIX e principios do XX, e un somier dunha cama—, o cirurxián Antonio Leiras Man —un escritorio— ou o organeiro Manuel Fernández —un busto obra de Villapol—. Tamén expón unha árbore xenealóxica do escultor e unha reprodución da escultura de Maeloc que hai na praza da vila.

A maiores, no inmoble anexo ao CIN pódese visitar a mostra Augas de Mayloc. Trátase dunha exposición de máis de 100 envases e botellas de gaseosa de toda Galicia e de maquinaria e pezas, propiedade de Fernando Villapol, que cede todo o material a través dun convenio co Concello.

"O CIN é un museo pequeniño que xa recibiu unhas 1.500 visitas, que nos dan ánimos para seguir apostando por el e dándolle contidos", dixo o rexedor, Primitivo Iglesias, que avanza que a idea é facer unha escavación na contorna da igrexa de Bretoña, sobre a que traballou Chamoso Lamas, e facer unha exposición exterior "que completaría" o que xa hai. 

Comentarios