O CIM das Pontes desenvolve un programa de equinoterapia

As destinatarias son 14 mulleres en situación de vulnerabilidade que ao longo de oito sesións realizan actividades no centro hípico Prado Ventura

photo_camera Obradoiro de equinoterapia en As Pontes. EP

O Concello das Pontes, a través do Centro de Información á Muller (CIM) municipal, está a desenvolver un programa de equinoterapia destinado a mulleres en situacións de vulnerabilidade coma as derivadas da violencia de xénero.

Esta experiencia piloto de intervención psicolóxica conta coa colaboración dunha experta en Coaching e Gestalt, un fotógrafo e as profesionais do centro hípico deportivo Prado Ventura do Aparral, onde se desenvolven as oito sesións incluídas no proxecto.

Un total de 14 mulleres participa no programa de equinoterapia, que persegue un dobre obxectivo, ao buscar tanto reforzar a autoestima das participantes coma promover a súa recuperación afectiva e emocional.

As actividades que realizan parten do coidado e o manexo dos cabalos. Así, a finalidade é que experimenten os beneficios deste cometido na diminución da ansiedade, na mellora da seguridade en si mesmas ou na xeración dunha boa relación co contorno, todos eles aspectos fundamentais para o proceso de rehabilitación emocional e social, segundo explican dende o Concello pontés.

O programa tamén inclúe un apartado de autoimaxe e autoestima, propostas encamiñadas a recuperar a súa confianza, «na que os cabalos e a fotografía se converten en canle de expresión das experiencias vitais das mulleres que integran este proxecto», precisan.

«O Concello das Pontes está firmemente comprometido contra a violencia de xénero e traballamos para atallala, previla e ofrecer todo o noso apoio ás mulleres vítimas», di a concelleira de benestar social, Isabel Fornos, quen lembra que dende o CIM se ofrece atención psicolóxica ou asesoramento xurídico. Precisa tamén que con esta actividade buscan «garantir unha intervención integral na procura da súa plena recuperación».

Comentarios