Charca do Alligal: o manancial vilalbés de augas milagreiras

Sexa o mes que sexa, sexa para darse unha chapuzadura ou sexa pola crenza na cualidade das súas aguas, sempre a 23 graos, é practicamente imposible atopala baleira
Charca do Alligal. C.ARIAS
photo_camera Charca do Alligal. C.ARIAS
O lugar
Atópase na parroquia de Codesido, en Vilalba, e accédese a ela dende a LU-861 por unha estreita estrada que conta cunha senda peonil. 
Curiosidades
Está situada a poucos pasos do Spa Attica 21, un establecemento con catro estrelas e 42 habitacións, que abriu no ano 2006. Pero pese á súa proximidade non beben das mesmas augas nin pertencen á mesma parroquia. O spa é de Santaballa. 
Cultura oral 
Hai recollidas máis de sete lendas diferentes que contan a orixe da charca e falan de encantamentos e augas milagreiras. 

Non é fácil, por non dicir case imposible, visitar a Charca do Alligal en Vilalba e atopala baleira, sen bañistas e sen coches. Independentemente da época do ano. As súas augas, que foron imán noutros tempos de milleiros de persoas chegadas de diferentes rincóns de Galicia, seguen a ter ese poder de atracción na actualidade, non para tantos, pero si para moitos fieis convencidos do seu poder curativo e reparador. Tamén para os que, sen pensar tanto nos seus beneficios, a elixen, sobre todo no verán, para unha boa chapuzadura.

Bar da Charca do Alligal. C.ARIAS
Bar da Charca do Alligal. C.ARIAS

Crente ou escéptico, a visita merece a pena. Dunha simple ollada, un pode ver no centro dese círculo máxico de 25 metros de diámetro, as burbullas que forma a auga emanando do chan. 
E é difícil resistirse a non meter aínda que só sexa unha man, se non se vai preparado para o baño, para notar esa temperatura especial. Con 23 graos todo o ano, din, e coa fama das súas augas un comprende pronto porque o manancial chairego se converteu nun lugar de peregrinación. 

A Xunta acondicionou o espazo e construíu os vestiarios a comezos do século XXI, aínda que xa antes os comuneiros fixeran o bar, que teñen alugado e abre só na tempada estival. Sexa o mes que sexa, xa saben, preparen o bañador!

Regato da Charca do Alligal. C.ARIAS
Regato da Charca do Alligal. C.ARIAS

Comentarios