A reportaxe da Chaira

A Chaira réndese á tradición do Samaín

Entidades, concellos e centros educativos sacaron as súas galas máis terroríficas nas actividades que organizaron
Integrantes da asociación Castiñeiro Milenario fan a procesión da Santa Compaña. C.PÉREZ
photo_camera Integrantes da asociación Castiñeiro Milenario fan a procesión da Santa Compaña. C.PÉREZ

Demos, vampiros, bruxas, pantasmas, esqueletos, zombis e momias, e outras moitas cousas horripilantes máis, encheron estes últimos días A Chaira, baixo a chamada de todas as convocatorias que houbo para festexar en maior ou menor medida o Samaín, unha festividade que se remonta a moitos séculos atrás e que está vivindo agora unha segunda xuventude da man de administracións, centros educativos ou asociacións.

Os primeiros en celebralo foron o alumnado de colexios e institutos, onde houbo propostas de todo tipo. Decoracións acordes coa data, disfraces e maquillaxes terroríficos e concursos do máis variado para botar a voar a imaxinación.

Conxuros no Ceip Monseivane de Vilalba. EP
Conxuros no Ceip Monseivane de Vilalba. EP

No Ceip Monseivane de Vilalba, os seus pequenos bruxos e bruxas fixeron conxuros, bailes, un concurso de apócemas e o seu primeiro programa de radio de Monseivane News. No veciño colexio Terra Chá de Román, quixeron dar un oco especial ás vestimentas de época e oficios tradicionais, ademais de senllos certames de troncos de Samaín e de contos de medo.

Concurso ou exposicións de monstros feitos de material reciclado no Ceip Mato Vizoso, de casiñas terroríficas no Ceip Virxe do Corpiño de Begonte ou de lanternas no CPI Virxe do Monte de Cospeito foron outras propostas para ir abrindo boca nunha ponte co Samaín como protagonista.

Concurso de troncos de Samaín no Ceip Terra Chá de Vilalba. EP
Concurso de troncos de Samaín no Ceip Terra Chá de Vilalba. EP

O auxe que está tendo a celebración desta festividade de orixe celta quedou patente na terceira edición do concurso ‘Pinta e crea a túa cabaza de Samaín’, convocada polo Concello de Vilalba e que este ano tivo récord de participación. 

Das apenas 30 propostas que se rexistraron en 2020 pasouse ás 59 deste ano, que, como novidade, foron valoradas por un xurado profesional ademais de polo voto popular, como nos anos anteriores. Repartíronse máis de 800 euros en premios entre os tres primeiros clasificados do xurado e o máis votado polo público.

As asociacións de nais e pais tampouco quixeron deixar pasar de lado a oportunidade de organizar unha festa para os máis pequenos con motivo do Samaín. Foi o caso das Anpas do Ceip de Xermade e da coordinadora de Anpas Abrente das Pontes, con senllas convocatorias na xornada de onte.

Concurso de cabazas na festa de Samaín de Xermade. C.PÉREZ
Concurso de cabazas na festa de Samaín de Xermade. C.PÉREZ

No pavillón de Xermade puido verse unha coidada decoración con motivos de terror incluso na merenda, así como manualidades e unha zona especial de xogos de Samaín e un concurso de cabazas que contou con máis dunha ducia de participantes.

Nas Pontes, o patio do colexio de Santa María acolleu ducias de familias nunha festa que contou con inchables, xogos, bailes e un concurso de disfraces. Unha proposta que tivo o seu momento para o alumnado de infantil e primaria e outro para o de secundaria.

Pero non só houbo propostas para os máis pequenos, senón que hai entidades que abren esta celebración para buscar a implicación do público en xeral. É o caso da asociación cultural Castiñeiro Milenario, cuxos integrantes recuperaron na noite de onte a súa tradicional procesión da Santa Compaña polos núcleos de Begonte, Pacios e Baamonde

Festa da Samaín da coordinadora de Anpas Abrente das Pontes. M.MANCEBO
Festa da Samaín da coordinadora de Anpas Abrente das Pontes. M.MANCEBO

"Hai que tentar volver á normalidade das actividades da asociación", explicaron integrantes da directiva que formaban parte da terrorífica comitiva, que enchían cos seus sons as rúas.

Pero ademais de coa vista e o oído, o Samaín pode disfrutarse con outros sentidos. Porque o terror tamén chega á boca a través de propostas gastronómicas que dá medo... o ben que poden saber. Houbo moitos locais que se animaron a preparar pratos específicos como na panadería, pastelería e pizzería Rozas da Feira do Monte (Cospeito), que este ano quixo decorar o seu local con motivos alusivos a Halloween, como pantasmas, teas de araña ou cabazas. 

Doces de Halloween na panadería e pizzería Rozas, en Cospeito. C.PÉREZ
Mönica e a súa filla Carla, cos doces de Halloween na panadería e pizzería Rozas, en Cospeito. C.PÉREZ

Mais sendo traballando a alimentación, non só ían mergullar os clientes no Samaín visualmente podendo facelo tamén a través do padal. Cupcakes de sabores variados —o de fresa ata leva unha pipeta que emula o sangue—, ollos, ataúdes, roscas ou galletas decoradas con esqueletos e pantasmas son algunhas das preparacións que aínda se poden degustar ou adquirir no local.

"Este ano quixemos ir un pouco máis alá, porque a xente cada vez demanda máis este tipo de produtos específicos, con decoración típica de cada festividade", explica Mónica Rozas sobre unhas sobremesas nas que o equipo desta pastelería cospeitesa pon moito cariño, moita creatividade e moito traballo, pois todo se fai de xeito artesanal.

Comentarios