A Chaira presume de voces

Belén Castro, Telma Zapata, Lucía Teijeiro y Marta Val son os nomes propios que se agochan detrás de Beteluma, un novo grupo de cantareiras de Cospeito que fará as delicias do público este venres, día 9, no Festival das Artes que se celebra en Feira do Monte
As catro integrantes de Beteluma, en Cospeito. EP
photo_camera As catro integrantes de Beteluma, en Cospeito. EP

Co éxito de Tanxugueiras aínda na retina e moi palpitante, acumulando centos de descargas das súas innumerables composicións e celebrando concertos multitudinarios alá por onde pasan, xorde en pleno corazón da Chaira un grupo de cantareiras que chega tamén coa intención de dar moito que falar.

Son Beteluma, unha agrupación con catro integrantes -Belén Castro, de 52 anos; Telma Zapata, de 16; Lucía Teijeiro, de 33, e Marta Val, de 35-, todas de Cospeito, que tratará de facer as delicias do público este venres, día 9, no Festival das Artes que se celebra na casa da cultura de Feira do Monte, a partir das 20.00 horas, e que organiza Asubíos da Chaira, agrupación da que parte todo.

E é que o que "enredou" para que o grupo de cantareiras fose unha realidade foi o profesor de baile do colectivo, Dani Reboredo, quen tamén toca a gaita e a percusión, e que chegou hai apenas un ano á Terra Chá, onde tiña raíces familiares -en Outeiro de Rei, Támoga e Feira do Monte, en Cospeito- dende o seu Bilbao natal.

"La idea la tenía en la cabeza, vi que algunas sabían cantar, que ya estaban en el coro, y que tenían oído, así que se lo propuse. Telma fue la última incorporación, la escuché cantar en una comida", explica Dani, mentres Lucía, unha delas, cualifica o primeiro ensaio "como un desastre absoluto".

"Ningunha tiña formación previa de canto nin música, máis alá de que formabamos parte do coro municipal Virxe do Monte. Por sorte, no segundo ensaio xa conseguimos facer voces e que se oíse ben", relata entre risas, recordando o seu debut sobre as táboas.

Foi no Festival de Nadal cando presentaron ante o público a canción que tiñan preparada. "Á xente gustoulle moito e por iso decidimos seguir", conta Lucía, quen explica que para poñerlle nome ao grupo optaron por darlles voltas aos seus propios ata que chegaron a un concepto, di, "que sona moi galego".

Beteluma ensaia un día á semana, unha hora antes de que empecen as clases de Asubíos da Chaira. Xa conta cun repertorio máis amplo no que aparecen, como non podería ser doutro xeito, temas de Tanxugueiras, pero tamén doutros grupos como Leilía e algúns máis tradicionais.

"No sé solfeo, toco de oído, así que vamos probando cosas hasta que acaban casando y funcionando", explica Dani Reboredo, asegurando que acompañan as catro voces con percusión.

"En algunos temas utilizan la pandereta, en otras las vieiras, la lata grande de pimentón o los panderos, pero también saben tocar el bombo o el tambor", abunda Dani, que despois de vivir o debut das cantareiras na Foliada de Muimenta -concerto que se celebrou na igrexa vella hai algunhas semanas- xa está pensando no seu seguinte obxectivo.

A la gente le gusta y hablan mucho de ellas"

E que as sensacións que lles traslada o público son moi boas. "A la gente le gusta y hablan mucho de ellas", di Dani, mentres Lucía confirma esa boa acollida que está tendo Beteluma.

"Parece mentira que o que empezou como un experimento estea gustando tanto", di a cantareira, aberta, igual que o resto das súas compañeiras, a seguir sumando aprendizaxes e experiencias sobre o escenario. Porque A Chaira pode presumir de moitas cousas, e tamén de voces.

Comentarios