martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

Chaínzos-Cadaval: Fusión de forzas para manter a ilusión

Chaínzos-Cadaval. C.PÉREZ
Chaínzos-Cadaval. C.PÉREZ
Máis dunha vintena de palanadores integran un equipo xurdido hai un par de tempadas da unión de dous referentes da zona para os amantes da billarda, un xogo que cita a un grupo de xente "totalmente diferente"

Os estatutos do club de bolos do Cadaval de Pacios (Castro de Rei) recoñecían tamén outros xogos populares, coma a chave ou a billarda. Así que cando a práctica comezou a estenderse, non o dubidaron. Nacía así o equipo de palanadores do Cavadal hai dez anos.E fai un lustro, un grupo de afeccionados da Pastoriza fundaron outro equipo, Chaínzos.

Tras exercer como respectousos rivais durante varias tempadas e vendo que os xogadores minguaban, en 2017 decidiron fusionar forzas para manterse vivos nunha competición ligueira que é "unha marabilla" polo "bo rollo" que hai. Iso di Pepe de Outeiro, veterano xogador de bolos e de billarda que destaca a incorporación ao equipo de dous pequenos "de seis ou sete anos", sangue nova para un numeroso equipo que suma máis dunha vintena de integrantes. 

Rafael, David, Mario, Kiko, Ares, Pepe de Meira, Pepe de Outeiro, Cortón, Lorena, Tonecho, Paula, Rubén, Ana e Barreira conformaban un equipo que esta tempada sumou novas incorporacións: Luis de Castro, Verónica, Delia, Bonxe, Óscar, Miguel, Viviana, Javier, Oliver e Iker

"Algúns xa xogabamos de pequenos e nos 80 en Pacios practicábase, pero as normas eran diferentes; a liga serviu para unificar criterios e que todos xoguemos coas mesmas normas", precisa Mario Saavedra, un dos máximos impulsores da recuperación de xogos tradicionais na Chaira.

Sábeo ben a súa sobriña Lorena Saavedra, que acode aos abertos «en familia», e non o di por seu tío ou outros parentes, senón polo seu home e a súa filla. "Isto é algo que noutras actividades non se pode facer, é un deporte totalmente diferente, que pode practicar calquera persoa, independentemente da idade ou da súa condición física", apunta, incidindo tamén noutra particularidade: "Reunímonos un grupo de xente totalmente diferente". 

E Lorena tamén insiste, coma todos, en que, malia ao reparo inicial que se poida ter, a billarda é un deporte que "sorprende e engancha". "Sérveche para desconectar e motívate, hai competitividade da boa entre os que xogamos e ademais é unha práctica económica", asegura, máis alá dos quilómetros que fagas para xogar. E é que ao final, o imprescindible son só dous paus. 

Chaínzos-Cadaval: Fusión de forzas para manter a ilusión
Comentarios