Cesteiro por tradición

O cospeités Pedro Anido traballou toda a vida de mecánico, pero a chegada da xubilación fíxoo recuperar o oficio do seu pai e do seu avó

Pedro Anido, cesteiro de Sistallo. C.PÉREZ
photo_camera Pedro Anido, cesteiro de Sistallo. C.PÉREZ

"Nacín no medio deles e fun aprendendo, algo sempre se che queda", explica o cospeités Pedro Anido, sentado no seu banco de traballo, mentres bota a vista atrás e asegura que "o cesteiro era o meu pai, o meu oficio era o de mecánico". Porén, as circunstancias da vida fixeron que este veciño de Sistallo, trala morte do seu pai, apostase por conservar un oficio tradicional que xa desenvolvera o seu avó.

"Meu pai sabía que os facía, porque lle collía o material, pero nunca pensou que eu seguise, porque só facía algún para os amigos", conta Pedro. Mais chegado o momento, tivo claro cal era o paso a dar: "Ao morrer el pensei: haberá que seguir, porque estas cousas non se deberan perder".

O artesán asume todo o proceso de fabricación, labrando as láminas coas que fai as súas pezas

Os tempos cambiaron. Eses mesmos cestos que antes facían os seus antergos para desenvolver labores agrícolas como "apañar as patacas", hoxe substituídos nestes e outros cometidos "polo plástico", seguen a ter saída hoxe en día "para adorno, para poñer a froita...", precisa Pedro.

"Teño bastantes encargas", asegura este cesteiro da parroquia de Sistallo, que leva xa tres anos amosando o seu labor na Feira da Maquinaria Usada e Artesanía de Cospeito, un bo lugar para facer contactos ou recoller encargas. Algunhas, ata dun ano para outro, pois houbo quen reservou una esta o ano pasado e cumpriu, vindo recollela na edición de 2018.

"É unha feira bastante boa, xa o ano pasado vendera bastante", lembra ante unha exposición na que se poden atopar distintos deseños de cestos e de cestas, cun prezo varía segundo o tamaño ou o complicada que sexa a súa elaboración.

Os cestos xa case non se usan para labores agrícolas, pero si para adorno ou como froiteiro

O proceso de fabricación é complexo en calquera deles, posto que pezas nas que está especializado Pedro requiren unha preparación previa da materia prima que utiliza, e que el labra persoalmente no seu banco de traballo para obter as varas ou láminas coas que tece os cestos.

Usa principalmente madeira de salgueiro ou de sanguiño, e segue todos os pasos para transformar un toro nunha cesta. "A madeira hai que quentala no forno para fendela", precisa. Despois diso toca labrala e, unha vez que xa conta coas láminas, toca tecer.

"Dá traballo", asegura este cospeités, cesteiro tanto por vocación como por tradición, que dende o seu pequeno recuncho de Sistallo fai todo o posible por conservar un deses antigos oficios que tanto significaron no rural galego.

Comentarios