Cesáreo, o Usain Bolt porcino

Un semental da granxa Fraga do Coto de Mourence (Vilalba) será un dos sete competidores no II Concurso Nacional de Manexo de Raza Porco Celta, unha proba que se celebra dentro da Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que comeza hoxe en Silleda

Cesáreo e seu dono, Saúl Rouco, da granxa Fraga do Coto - Portada
photo_camera Cesáreo, semental da granxa Fraga do Coto de Mourence

DENDE VILALBA, con cinco anos e case 300 quilos de peso. Cesáreo, o Usain Bolt porcino, preséntase como unha das grandes estrelas do II Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta. A proba, na que participarán un total de sete exemplares –hai outros dous de Lugo: Asia, de José Vega de Ponte de Outeiro (Castro de Rei), e Pantalones, de Antonio Díaz, de Friol–, disputarase este domingo, día 9, dentro da XLII Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que comeza xa este xoves en Silleda, e que tamén inclúe un concurso morfolóxico desta raza autóctona.

Pese a estar "un pouco pasado de peso", tal e como recoñece o seu propietario, Saúl Rouco, este semental da granxa Fraga do Coto de Mourence (Vilalba) –que foi indultado pola súa "docilidade", despois de ter innumerables leitóns por toda a contorna– parte como un dos principais favoritos. Razóns non lle faltan. Na primeira edición da carreira acadou unha meritoria terceira praza. Batirá esta vez o seu récord?

Cesáreo e seu dono, Saúl Rouco, da granxa Fraga do Coto"Anda bastante ben polo circuíto, vai ben de axilidade pese aos seus 300 quilos. A ver se volvemos subir ao podio", di cun sorriso o seu dono, que "por falta de tempo" –ten na súa granxa 80 animais, repartidos en 14 hectáreas de terreo– non fai un adestramento específico con Cesáreo.

"Hai outros compañeiros que si que lles poñen algúns obstáculos para ir preparándoos de cara á proba. Eu limítome a adestralo estes días en Silleda, no propio circuíto", indica Saúl, que partiu este xoves para alí, onde tratará de preparar esta curiosa carreira, promovida pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta, e que ten unhas normas moi concretas.

Así, os participantes deberán dirixir os seus exemplares por un percorrido no menor tempo posible. "Pódese tocar, pero non golpealo", explica o gandeiro vilalbés, confirmando que Cesáreo e o resto de participantes terán que superar unha zona que simula unha manga e colarse entre dous valados facendo zig-zag.

"Ao final da proba temos que tratar de que suba ao remolque, iso non o levamos tan ben", di entre risas Saúl, confirmando que non é obrigatorio "pero penalízante con 30 segundos se non o fas". O que pode decantar a balanza en favor doutro dos seus rivais.

Cesáreo, que foi indultado polo seu dono pola súa «docilidade», acadou un meritorio terceiro posto na carreira do ano pasado

A expectación de cara á proba é máxima. "O ano pasado, ao ser algo novedoso, as gradas estaban a tope de público", recorda Saúl, quen cre que "o ruído" tamén pode condicionar aos animais. "Non están afeitos a tanta xente, así que algúns non queren andar. Son animais moi tercos. Se din que non, é non", confirma este criador de porco celta, que confía en que Cesáreo responda ben ante o público de Silleda.

Afeito a tratar coa xente xa está. Ata paseou polas rúas da capital lucense no desfile de gando do San Froilán. Unha experiencia que xoga ao seu favor. "É moi manso", recalca o seu propietario, que cada día está máis entregado a esta raza autóctona, na que se iniciou hai sete anos.

"Entrei un pouco por afección, de momento é un complemento, pero estou traballando para que sexa unha forma de vida", di, explicando que iniciativas como esta carreira poden axudar a darlle un pulo importante "a unha raza de aquí, que ata hai ben pouco estaba en perigo de extinción", recorda.

Comentarios