viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Cesan ao alcalde de Xermade como presidente dos comuneiros de Lousada

Algúns socios criticaron a xestión de Roberto García, quen levaba menos dun ano á fronte da entidade, e que prevé volver a presentarse

A comunidade de montes de Lousada celebrou este sábado unha longa e bronca asamblea, que se prolongou durante máis de tres horas, e na que se acordou cesar a xunta rectora, presidida por Roberto García, alcalde de Xermade, e convocar novas eleccións.

A convocatoria, con carácter extraordinario, foi solicitada por un grupo de comuneiros, que se amosaron contrariados pola xestión do actual presidente, que levaba só no cargo dende o pasado mes de xuño.

Por aquel entón, a súa elección foi "por aclamación, non houbo votación", segundo confirmou o propio García, que asumiu a responsabilidade que deixou o seu pai, quen levaba máis de 20 anos no cargo, tralo seu pasamento.

Na asamble extraordinaria formuláronse varios conflitos, un deles cos veciños da parroquia vilalbesa de Vilapedre

Durante a asamblea tratáronse varios asuntos dun xeito acalorado. Por un lado, cuestións económicas, que segundo afirmou o presidente, "non teñen ningún problema". "As contas están saneadas, teñen superávit", asegurou García, quen recordou, entre outras cifras, "os 30.000 euros que a comunidade ingresa polo parque eólico".

Outro dos temas polémicos foi o relativo a un conflito coa parroquia vilalbesa de Vilapedre, coa que a entidade asistiu a un acto de conciliación o pasado mes de xaneiro no concello de Xermade, e onde non chegaron a ningún acordo.

Segundo García, os terreos do conflito "son de Lousada, como así o recollen escritos do Marqués da Ensenada e outros documentos, así como o Instituto Xeográfico de Galicia, o peche que se construiu nos anos 90 pola nosa comunidade de montes ou o convenio coa Xunta de Galicia, coa que asinamos unha cesión dos terreos por uns 40 anos".

Exactamente estes son os mesmos argumentos que defende o presidente da asociación de veciños de Vilapedre, Amador Guerra, quen considera que Roberto García "miente".

"Nosotros tenemos toda la documentación. No hay duplicidad, así que él no la puede tener. Incluso se hicieron hasta dos transcripciones de los escritos del Marqués de la Ensenada por un abogado y un catedrático, y en ellos se recoge que el monte pertenece a Vilapedre, los límites están perfectamente definidos", asegurou.

Os comuneiros permitíronlle a entrada á asamblea extraordinaria a Guerra, quen expuso ademais outro problema particular. "Cortaron una de mis propiedades en las que había pinos con alrededor de 60 años. Le pedí que se llame a uno o dos peritos para tasar lo que valen y que me devuelvan lo que es mío", engadiu o presidente da asociación veciñal e tamén edil no concello vilalbés, quen cre que este problema só está iniciándose. "Es como una bola de nieve", dixo.

O resultado da votación para cesar a actual xunta rectora foi de 33 a 28. Agora comeza o periodo para que se presenten as candidaturas nas que, previsiblemente, volverá estar nunha delas o rexedor xermadés.

"Teño pensado volver presentarme, por que non o ía facer?", pregúntase García, quen considera que o problema xurdido dentro da comunidade de montes se debe "a unha cuestión política".

Cesan ao alcalde de Xermade como presidente dos comuneiros de Lousada
Comentarios