O certame de fotografía da Pastoriza enxalza o labor da muller coidadora

Chus Veiga gaña cunha imaxe na que se ven a súa tía e o avó
 
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera 'O diario da vida', a imaxe vencedora do concurso. CHUS VEIGA

A imaxe "O diario da vida" foi a gañadora, de entre 59 participantes, do concurso de fotografía Muller Rural da Pastoriza, cunha homenaxe "ás mulleres que dedican a vida a coidar dos seus", resumía Chus Veiga, satisfeita cun resultado -logrou 298 apoios en Facebook- que enxalza unha figura que "segue invisible a ollos da sociedade".

A instantánea retrata, nun momento cargado de naturalidade, a tía e o avó de Chus, da parroquia de Crecente. "Díxenlle que cando lle tocara levantalo ía sacar a foto, non quería que posaran nin nada parecido", lembra unha muller que, desde pequena, viu como a protagonista da imaxe "con 17 anos xa tivo que coidar do seu avó, logo da súa nai e agora do seu pai, durante as 24 horas".

Pero esta posta en valor dun traballo "feito desde o anonimato e sen recibir nada a cambio" tamén vai dirixida á súa propia nai e a todas as mulleres rurais do mundo: "No rural da Pastoriza miro á fronte e vexo a unha muller entregada", recoñece a artífice que plasmou "con todo o sentimento" unha realidade que vive de preto.

O concurso, ideado desde a área de muller e igualdade do Concello, non fai máis que asentarse, crecendo na participación e, sobre todo, na concienciación. «É de agradecer que ningunha mandou fotos co afán de gañar, senón de visibilizar», apuntaba a edila Elva Carreira.

Un arquivo para visibilizar as mulleres do rural en Guitiriz
O Concello de Guitiriz está a tecer un arquivo no que recompilarán os nomes e alcumes das mulleres rurais do municipio que se desexe visibilizar. A través da campaña ‘Guitiriz medra con elas’, o goberno local busca «manter viva a historia de xeracións de mulleres que foron piares do sustento e dos coidados na memoria colectiva», así como pór en valor a «achega económica, social e cultural» que fan no eido rural.
En Facebook
A conmemoración, que comezou onte con motivo do Día Internacional da Muller Rural, faise a través de Facebook. É preciso acceder á rede social, crear unha publicación e, nela, escribir o nome da muller que se queira dar a coñecer xunto ao seu alcume e o nome da parroquia á que pertence. Por último, hai que escribir o hashtag #mulleresruraisguitiriz e, se se quere, engadir unha foto da homenaxeada.

Comentarios