O centenario da I Asemblea das Irmandades da Fala centra un foro en Vilalba

O Iescha e o Consello da Cultura Galega organizan unhas xornadas os días 16 e 17 

Na casa número 7 de Valeriano Valdesuso, hoxe desaparecida, naceron as Irmandas da Fala de Vilalba. IESCHA
photo_camera Na casa número 7 de Valeriano Valdesuso, hoxe desaparecida, naceron as Irmandas da Fala de Vilalba. IESCHA

O Iescha e o Consello da Cultura Galega, en colaboración co Concello de Vilalba, organizan os días 17 e 18 de novembro na casa da cultura da capital chairega as Xornadas do Centenario da I Asemblea das Irmandades da Fala.

Na casa número 7 de Valeriano Valdesuso, hoxe desaparecida, naceron as Irmandas da Fala de Vilalba. IESCHA O acto de inauguración será o venres 16 ás 17.30 horas da man de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Agustín Baamonde, rexedor de Vilalba, e Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. Ás 18.15 horas haberá unha proxección audiovisual sobre as Irmandades da Fala e ás 19.00 unha conferencia a cargo do historiador Ramón Villares.

As xornadas continuarán o sábado polo mañá, ás 10.30 horas, cunha mesa redonda con Uxío Breogán Diéguez, Alberte Currás Gato, Emilio Ínsua López e Manuel Roca Cendán, que falarán sobre as Irmandades e en concreto sobre a figura de Lois Peña Novo, vilalbés e un dos grandes impulsores da Asamblea Nacionalista de Lugo e das propias Irmandades da Fala.

O programa continuará cunha actuación musical a cargo de Pizzicatro Trío, o grupo de guitarras do conservatorio de Vilalba, e ás 12.30 horas haberá unha conferencia a cargo de Encarna Otero Cepeda sobre o papel das mulleres nas Irmandades.

Ás 14.00 horas, cunha ofrenda floral no monolito conmemorativo da constitución das Irmandades da Fala en Vilalba, poñerase punto e final ás xornadas.

Comentarios