A reportaxe da Chaira

Os cen nenos da escola de Bordelle

Os veciños deste barrio de Santaballa crearon unha asociación para promover a conservación do vello edificio, orixinario de 1923
Inauguración da escola de Bordelle, en Santaballa. IESCHA
photo_camera Inauguración da escola de Bordelle, en Santaballa. IESCHA

Na fachada aínda se conserva o letreiro Escuela Nacional Mixta Santaballa-Bordelle. E foi hai un século, como recorda un documento oficial ante notario, datado o 9 de novembro de 1923, cando se sentaban as bases desta escola vilalbesa: "Para que en nombre de los mandantes administren, rijan y gobiernen el edificio o local que para escuela de niños han construido todos ellos y los citados mandatarios sobre un retal de monte llamado Canto do Balado en el barrio de Bordelle de la referida parroquia de Santaballa".

Mais é a memoria dos veciños a que dá conta do moito que significou este centenario edificio polo que pasaron centos de nenos e de nenas das aldeas da volta, dende ben pequenos ata que xa eran mocetes —na última etapa, de párvulos ata 8º de EGB—, ata que pechaba as súas portas a comezos dos anos 80. Daquel momento, setembro de 1982, consérvase o inventario do material, que incluía dende pupitres ata diccionarios ou mapas, pasando pola fregona, feito pola última mestra, dona Rosa. 

Vista da escola de Bordelle. ASOCIACIÓN BORDELLE
Vista da escola de Bordelle. ASOCIACIÓN BORDELLE

"Eu fun dos últimos alumnos, debiamos ser dez ou doce daquela e aínda funcionaba a de Santaballa, que foi a última en pechar, e leváronnos para Vilalba cando eu tiña uns seis anos, o que foi un cambio grande para nós", lembra Óscar Mouteira sobre o fin do periodo educativo. Dende aquela, a escola foise deteriorando, polo que finalmente os veciños decidiron tomar cartas no asunto. Non quixeron deixar que esmorecese e hai dez anos constituíron a asociación cultural e veciñal Casa da Escola de Bordelle, que o propio Óscar preside na actualidade.

"A asociación creouse para arranxar a escola, porque senón non dabamos feito e non podiamos permitir que desaparecese, porque eses señores pasaron moito traballo para facela, para que os seus descendentes tivesen unha educación na escola que eles non tiveran", lembra Julia Bermúdez Ares, a primeira presidenta da entidade, actual vogal e exalumna da escola.

Comida anual de exalumnos na que se conmemorou o centenario. C.PÉREZ
Comida anual de exalumnos na que se conmemorou o centenario. C.PÉREZ

"O primeiro interese da asociación era acondicionar e rehabilitar a escola, e despois facer outras actividades", detalla Óscar sobre unha entidade que conta cuns 160 socios e que é responsable das melloras que pouco a pouco se foron facendo, con diversas axudas da Deputación e do Concello de Vilalba, como reparar a cuberta, acondicionar o chan e habilitar aseos e unha cociña.

Agora, co apoio do Concello esperan dotala de novo mobiliario e tamén teñen solicitada unha subvención da Xunta para mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética e poñer o piso de madeira. A antiga vivenda xa non se conserva e a súa idea é crear un local diáfano no que, co tempo, se poida deseñar unha aula de interpretación de Pena Grande e expoñer algún material da antiga escola.

A asociación busca ademais exercer de interlocutora entre a veciñanza e as administracións e ser un punto de encontro e de dinamización para a zona, polo que tamén organiza cursos, polo menos unha excursión ao ano, e, en colaboración co Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e a Fundación La Caixa, ideouse unha ruta para dar a coñecer puntos de interese da volta, coma a Medoña de Estelo, a Capela de Santiago, o Abrigo de Pena Grande ou algunhas mostras da arquitectura rural propia da zona. 

A entidade, de cuxa directiva tamén forman parte Julio Villares (tesoureiro), Pablo Mouteira (secretario), Teresa López e a propia Julia (vogais), promove ademais todos os anos unha comida de confraternidade de exalumnos, que este ano aproveitaron para conmemorar o centenario da escola, con máis dun cento de asistentes.

Veciñanza que traballou na construción da escola. BORDELLE
Veciñanza que traballou na construción da escola. BORDELLE

"Queremos que se nos están vendo do outro lado vexan que non deixamos caer o que fundaron eles", incide Julia, ao tempo que o seu sucesor no cargo bromea co feito de que un pobo, para ser tal, ten que ter unha escola e unha igrexa e en Bordelle, pese a non ter un recoñecemento oficial como tal —o barrio confórmano oito lugares de Santaballa: O Cabo da Aldea, Lugarvello, Millares, A Parrugueira e Santiago, xunto a Ramallal, A Carballeira e A Furada—, teñen as dúas cousas, o vello centro educativo e a capela de Santiago.

"Non é unha habaneira, foi feita polos veciños, porque daquela daban clase onde podían, coma no pórtico da igrexa", lembra Julio, que detalla que o terreo era "da familia Gato" e que para construíla "houbo xente que achegou capital e outra que puxo o seu traballo, e así foron levantando o edificio".

A escola fíxose en dúas fases, unha primeira cun só andar e logo o primeiro piso, onde se habilitou a vivenda para o mestre. Cando se considerou que o edificio estaba acabado, celebrouse unha gran festa de inauguración, tal e como documenta unha antiga imaxe. Dedúcese que foi en xuño de 1927, pois un veciño da casa máis próxima, Sergio López Castro, finado hai pouco, sempre dicía que nacera coincidindo cos festexos.

Asistentes á comida do centenario, vestidos de época diante da escola. BORDELLE
Asistentes á comida do centenario, vestidos de época diante da escola. BORDELLE

Así o conta o seu sobriño, Manuel López Castro, tamén exalumno. "Como vivía aí ao lado, viña aí por dentro das chantas e cando saían ao recreo eu viña xogar tamén; cando entraban, marchaba triste", lembra cun sorriso. Ata que a mestra, dona Alicia, descubría as manobras daquel neno de apenas catro anos e falou coa familia para que o deixasen ir á escola.

A súa é unha das infindas vivencias dun centro que chegou a xuntar máis de medio cento de estudantes por ano e no que se mesturan as historias formativas coas persoais: "Foi aquí onde coñecín ao meu marido, David empezou a vir no 57, cando el tiña dez anos e eu once", ri Julia. 

Ela, que non foi "a outro sitio á escola máis cá este", xa levaba en Bordelle dende os seis anos, con dona Amalia como primeira profesora —foi das poucas que viviu na vivenda do primeiro andar— e logo serían Cristina, Magdalena... Todas mulleres, "aínda que nos comezos houbo un mestre, chamábanlle O Valenciano", di. "Queríanlle moito" e "contaban que naqueles tempos xa lles ensinaba a coser". Manuel e Julia van fiando recordos doutros tempos, eses que, como di Óscar,  é importante "conservar". E por eles non vai quedar.

Antigos alumnos da escola de Bordelle. IESCHA
Antigos alumnos da escola de Bordelle. IESCHA

Comentarios