Os cen anos dun mestre inmortal

Un 9 de febreiro 1921 nacía, na parroquia pastoricense de Fonmiñá, Xosé Manuel Seivane Rivas, fundador dun obradoiro hoxe instalado en Cambre, que vai xa pola terceira xeración. En 2012, unha multitude despedíao no seu querido Ribeira de Piquín, onde sentaría as bases dun legado que perdura no tempo
Xosé Seivane. EP
photo_camera Xosé Seivane. EP

"A grandeza de Seivane está en que desde a pequena e afastada Ribeira de Piquín soubo crear un movemento de amor polo propio que, igual que o Miño nace nestas terras, foi medrando paseiniñamente e expandíndose por todo o país", narra Xosé Vicente Ferreirós, fundador de Milladoiro, no limiar do libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, escrito polo profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei e editado por Canela, no que trata de condensar o que significou "para a música na Galiza contemporánea" o patriarca dos Seivane, aínda que como o propio autor recoñece, a encomenda "non virou tarefa doada".

A súa nai Estrella, que tiña un fino oído e foi o seu "selo de unión coa música tradicional da comarca", e seu pai Francisco, ebanista de gran maña, souberon apoiar ao pequeno Xosé, o máis vello de cinco irmáns e unha irmá, para que profundizase nesa atracción que sentía dende neno pola gaita, que imitaba con pipas de pan ou de castiñeiro ata que lle mercaron a primeira por 17 pesetas.

Aquel instrumento serviríalle de referente para construír unha por si mesmo con só 18 anos, a primeira de moitas. Porque el tíñao claro, como se recollía no capítulo 26 (2006) do programa Alalá da TVG: "Para min a gaita sempre foi o símbolo de Galicia... e os gaiteiros igual".

Músicos da zona como O Coruxeiras ou O Crego de Sinde, entre outros, influíron na súa maneira de entender a música, igual que a comarca na que naceu marcou "aspectos idiosincráticos da súa persoa -o seu modo de expresarse en galego, o tipo de gaitas que escoitou, o medrar ao carón do Miño...-". Tamén foron significativas as experiencias vividas, o ir á escola a Paraxes ou os máis de tres anos que botou no exército, que lle permitiron coñecer a Antonio Represas O Marreco, e descubrir a existencia doutros tipos de gaita distintas ás que había na Pastoriza.

Xosé facía a súa primeira gaita aos 18 anos e xa non parou, convertendo o seu obradoiro nun santuario da música tradicional

"Un escrupuloso respecto pola tradición e unha perenne ansia investigadora" caracterizaron a súa longa traxectoria, tanto nos seus primeiros pasos en Fomiñá, como cando se asentou en Ribeira de Piquín, logo de casar con Fuencisla en 1951, primeiro na Vara (Navallos) e logo no Chao do Pousadoiro, onde abría un pequeno obradoiro en 1959, apenas un cuarto ao carón da barbería que tamén rexentaba, profesión necesaria cando as gaitas non daban para vivir.

Trasladaríase despois a outro local máis grande, a só uns metros da casa familiar, que acabou por converterse nun punto de peregrinación de amantes da música tradicional chegados de aquí e de acolá. Era o seu particular Santuario, no que se o mestre non tiña a ferramenta axeitada para o que necesitaba, pois non quedaba outra ca inventala.

"A montóns saían de aquí gaitas, aquí traballabamos día e noite", lembraba o propio Seivane no Alalá sobre o traballo do obradoiro, convertido pola xente "nun templo da música tradicional e da artesanía da gaita", como escribe Sanchez Rei. E tamén nunha escola aberta pola que pasaron alumnos aventaxados coma Anxo Rei ou Antón Varela.

Mais a habelencia de Seivane non se cinguía só ao mundo da música, pois quen o coñeceu lembra que tanto podía facer mobles, coma zocos ou culatas de escopeta, así coma arranxar calquera aparello, polo que a xente non só acudía a el para un afeitado ou un corte de pelo, senón tamén para botar unha parrafada cun gran conversador, quizais sobre a súa grande afección pola pesca e o seu coñecemento dos ríos da zona, e para saír cunha tesoira, unha cana, un paraugas ou un xoguete coma se fosen novos.

En 1994, o Obradoiro de Gaitas Seivane, coa incorporación dos seus fillos Xosé Manuel e Álvaro, pasa a ter a súa sede oficial en Cambre, onde hoxe segue a ser un referente

Seivane non só construía instrumentos -probou a facer algún que outro de percusión, clarinetes, zanfonas ou requintas-, tamén melodías. Algunhas propias, coma a Muiñeira do Chao, outras recollidas da tradición popular, que el nalgún momento oíu tocar e introduciu no seu repertorio. Porque Seivane tamén era intérprete. Gustaba moito de tocar o clarinete, a gaita ou a percusión, e pasou por varias formacións, especialmente o célebre cuarteto Os Airiños da Ribeira, co que deixa amenizado moitas festas na volta dende os anos 50 ata os 70.

En 1994, o Obradoiro de Gaitas Seivane, coa incorporación dos seus fillos Xosé Manuel e Álvaro, pasa a ter a súa sede oficial en Cambre, onde hoxe segue a ser un referente. Mais Ribeira de Piquín sempre ocupou un lugar destacado no corazón do patriarca e da súa familia. Tanto, que foi alí onde se pechaba un ciclo aquel 29 de xaneiro de 2012, o día da multitudinaria despedida do patriarca. Como el lembraba no Alalá: "Aquí naceron os meus fillos e aquí empecei eu a miña vida. Téñolle cariño (...), día e noite lembro a Ribeira de Piquín". E dende ese recuncho viaxaron polo mundo auténticas obras de arte saídas, como dicía o seu fillo Xosé Manuel, dunhas "mans de ouro".

Dise que dixo un recoñecido gaiteiro: "Non entendería a miña vida sen a gaita, e non entendería a gaita sen Seivane". Razón non lle faltaba porque, como escribe Sánchez Rei no preludio do libro: "Non se podería percibir con xustiza o desenvolvemento e a dignificación da música galega de orixe tradicional sen unha persoa como Xosé Manuel Seivane Rivas, un deses seres humanos que fan os países seren maiores social e culturalmente".

O autor fixo case 50 entrevistas e dedicoulle máis de 400 páxinas a deixar constancia por escrito de algo que resoa coma os sons das gaitas que durante máis de seis décadas estudou e construíu o mestre Seivane. O seu, é un legado inmortal que vai xa pola terceira xeración. Como dixo o propio Seivane: "Empecei eu, pois agora que sigan eles". E niso están.

Comentarios