Ceip Virxe do Corpiño: Un bosque na escola

O colexio de Begonte, coa colaboración das familias, destina 2.600 metros cadrados do patio a plantar árbores e especies aromáticas cun propósito educativo  
Plantación no patio do Ceip Virxe do Corpiño para crear o seu bosque. EP
photo_camera Plantación no patio do Ceip Virxe do Corpiño para crear o seu bosque. EP

A comunidade educativa do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte uniu forzas para "crear un ecosistema no que xogar e experimentar coa natureza". Mestres, alumnado e familias colaboran para converter un espazo de 2.600 metros cadrados do patio escolar nun bosque que terá fins educativos, pero tamén servirá para acubillar e alimentar a distintas especies animais.

"O noso minibosque xera un espazo para a experimentación natural e unha ágora ao aire libre onde desenvolver asambleas, xogo tranquilo ou dar clases", explican dende o centro, que desenvolveu esta iniciativa no marco do programa de innovación educativo Club de Letras.

Castiñeiros, carballos, freixos ou bidueiros xa dan forma a unha arboreda autóctona que irá medrando ante a atenta mirada dos escolares, que ademais tamén  disporán dunha zona específica dedicada ás plantas aromáticas —lavanda, tomiño, romeu, etc—, con máis de 25 especies diferentes. "Os perfumes son máxicos e transportan a nenos e maiores a mundos afastados, facendo do noso bosque un lugar vasto e exótico", indican dende o centro, convencidos de que os aromas destas prantas "convidan ao paseo e ao descubrimento sensorial". 

O colexio aposta por un patio "máis dinámico e diversificado" seguindo unha metodoloxía orixinaria de Dinamarca

E os nenos e as nenas non só terán á súa disposición unha gran variedade de aromas para ulir. Dende o colexio tamén queren que experimenten tocando "cos seus propios pés" a través da creación dun paseo polo medio do bosque no que poderán apreciar diferentes texturas: follas, pedras, area, etc. 

"É toda unha homenaxe aos sentidos", resumen dende o Ceip Virxe do Corpiño sobre unha iniciativa didáctica que trata de crear "un patio máis dinámico e diversificado, xerando novos recunchos onde desenvolver outro tipo de actividades, fomentando un tipo de movemento e incentivando o contacto coa natureza", explican.

O proxecto segue a metodoloxía das Escolas-Bosque, unha idea orixinaria de Dinamarca e que "cobra agora máis sentido ca nunca debido aos beneficios que brinda o aire libre á hora de ofrecer unha contorna segura ante o covid-19", conclúen dende o centro educativo de Begonte.

Plantación no colexio de Begonte. EP

Comentarios