O Ceip Terra Chá, da parroquia vilalbesa de Román, dentro do programa Antilix-it, organiza unha serie de actos bautizados como Entroido Oceánico, que se iniciaban onte luns cun recitado de poemas para conmemorar o Día de Rosalía.
O alumnado do centro participou hoxe nun obradoiro de máscaras impartido polo centro educativo Minds e mañá os escolares de primaria seguirán coas manualidades en Mar Interior, un taller do Oceanográfico de Vigo na Deputación de Lugo.
O xoves 20 os estudantes de infantil e do primeiro ciclo de primaria poderán visitar o Parador de Vilalba e o venres será o desfile de Entroido no centro. Ademais, o día 25 o Ceip Terra Chá sumarase ao Entroido do Concello de Vilalba.
Xornada de portas abertas o día 28
Co fin de dar a coñecer a súa programación lectiva e os servizos cos que conta este centro educativo vilalbés, o Ceip Terra Chá acollerá unha xornada de portas abertas o día 28 deste mes de febreiro, en horario de 10.00 a 13.00 horas, co obxectivo de dar a coñecer as instalacións de cara a matriculación no curso 2020/2021. As familias poderán coñecer o novo parque infantil, o patio cuberto climatizado, o comedor, o servizo de transporte e as rutas existentes e os programas que se desenvolven no colexio, coma o Fogga (froita na escola) ou os proxectos de bibliotecas escolares.