O Ceip Mato Vizoso conmemora o seu 50 aniversario cun programa de radio

Os alumnos de sexto de primaria preparan catro emisións nas que se repasa a historia deste colexio vilalbés e noticias de varias épocas e son entrevistadas persoas relacionadas co centro

Gravación dos programas radiofónicos do Ceip Mato Vizoso en Radio Principal. MARÍA ROCA
photo_camera Gravación dos programas radiofónicos do Ceip Mato Vizoso en Radio Principal. MARÍA ROCA

O Ceip Manuel Mato Vizoso de Vilalba está a piques de entrar na semana grande da celebración do seu cincuentenario, unha efeméride que se conmemorará cun programa de radio ou unha viaxe ao pasado nas aulas.

Os alumnos de sexto de primaria, co apoio do profesorado, traballaron nas últimas semanas na realización de diversas entrevistas e na busca de documentación para darlle forma a un serial radiofónico de catro capítulos nos que se repasan a historia do colexio ou noticias da época e se inclúen conversas con persoal docente e non docente que pasou polo colexio, familiares ou membros da banda Mato Vizoso, xurdida no centro.

As gravacións leváronse a cabo nos últimos días no estudo de Radio Principal en Vilalba, emisora que tamén emitirá os catro programas previstos, cunha duración aproximada de media hora, entre o luns e o xoves da semana que vén, sempre ás 12.30 horas.

«O obxectivo é dobre, xa que por un lado os nenos coñecen a radio e o seu funcionamento e por outro axudar a divulgar a historia do centro», explica o director, Manuel Castro Santamariña.

Aínda que no Mato xa se fixo algunha actividade conmemorativa, coma a visita do avó dun alumno que lles explicou aos escolares como se xoga a billarda, os principais actos concéntranse a partir do luns, no que será unha viaxe ao pasado educativo cunha aula acondicionada coma antano.

Haberá unha clase de caligrafía, outra centrada no ensino das matemáticas coma nas antigas escolas, lembraranse as clases de manualidades -punto de cruz, bordados, facer cousas con palillos-, repasarase a música doutras épocas e tamén haberá unha sesión de xogos populares.

Dende o centro animan aos alumnos a ataviarse coma os escolares de antano, un vestiario que pode lembrase, entre outras moitas cousas, na exposición de fotos da historia do colexio que preparou o centro.

O completo programa inclúe tamén a actuación, o día 23, dun coro de nenos do colexio Fondo Nois de Foz e a edición dun marcapáxinas conmemorativo, personalizado para cada un dos 302 alumnos do Ceip Mato Vizoso.

Comentarios