A reportaxe

Guitimundi: un traballo para saber máis de 18 parroquias

O alumnado de primeiro e de sexto de primaria do Ceip Lagostelle de Guitiriz colabora nun proxecto para coñecer o concello
Alumnos de primeiro e de sexto de primaria do Lagostelle. C.PÉREZ
photo_camera Alumnos de primeiro e de sexto de primaria do Lagostelle. C.PÉREZ

Cantos sabes do concello no que vives? Esta pregunta serve de punto de partida para o proxecto interdisciplinar no que están a traballar os 18 escolares que cursan sexto de primaria no Ceip Lagostelle de Guitiriz. Súa é a responsabilidade de facer unha ampla investigación, con documentación, toma de datos e traballo de campo, sobre cada unha das parroquias do municipio, recompilando información á que lle dan forma no proxecto O Noso Guitimundi.

"A idea xurdiu xa a comezos de curso, queriamos facer un proxecto cos nenos, que investigasen a súa contorna, porque sabían moitas cousas de fóra, pero non coñecían Guitiriz", recorda a titora de sexto, Lucía Lorenzo, sobre o xermolo dunha iniciativa que foi medrando e adaptándose.

Unha das principais apostas foi non limitalo a ser só un traballo de aula, polo que se falou co Concello para contar coa súa colaboración e traballar en equipo. Implicábase así a técnica municipal de turismo, Olga Vázquez. "É unha experiencia moi positiva, unha aprendizaxe mutua", explica quen non só acudiu ao centro para ofrecer charlas sobre a realidade guitiricense como preparación, senón que ao longo deste mes exerceu de guía nas visitas ás parroquias que fixeron os escolares.

Lucía Lorenzo: "Queriamos facer un proxectocos nenos, que investigasen a súa contorna, porque sabían moitas cousas de fóra, pero non coñecían Guitiriz"

O proxecto tampouco se quixo cinguir a só un curso. Xurdía así unha colaboración cos 21 escolares de primeiro de primaria, todo un acerto, e non só porque os máis pequenos están a aprender as parroquias do concello ou descubrindo a flora e a fauna, senón tamén polo extra de motivación que supón para eles traballar cos maiores: "O que máis me está gustando é que o fagan con alumnado doutro curso, porque iso mantén o seu interese", precisa o titor de primeiro, Rubén Iglesias.

A formación no centro foi o primeiro. Ademais dos datos que lles facilitou Olga, fixeron unha contextualización histórica do concello, para entender mellor que ían ver, e organizáronse obradoiros que fosen de utilidade de cara ao traballo de campo, coma cursos de fotografía —a captación de imaxes foi unha parte fundamental do traballo— ou de informática —fixeron un powerpoint sobre a súa parroquia—. "A idea é implicar todos os recursos posibles do colexio", resume Lucía.

E coas bases asentadas, chegou a hora de saír de expedición, en grupos de tres, visitando tres parroquias por xornada acompañados polo director do centro, Jorge Montero, e por Olga Vázquez, quen fai un balance positivo desta expedición: "É unha boa forma de que coñezan Guitiriz, que é un concello moi grande. Ademais, ás veces estamos tan centrados nos nosos espazos, no lugar no que nos movemos, que non saímos dese pequeno círculo".

Un dos grupos, nos Vilares. C.PÉREZ
Un dos grupos, nos Vilares. C.PÉREZ

A técnica de turismo precisa que os escolares puideron coñecer conceptos que en moitos casos lles eran alleos, algúns moi concretos, como descubrir o que era un teleclub, e outros máis xenéricos, pero relevantes, coma a importancia da accesibilidade cognitiva, saber o que é un servizo público ou un equipamento, ou que son o envellecemento poboacional e a dispersión xeográfica

Olga tamén fai fincapé no carácter crítico amosado polos pequenos exploradores: "Tiñan que buscar oportunidades de mellora e souberon ser críticos, tanto coa administración, ao entender que ten que arranxar as cousas e telas en bo estado, como cos cidadáns, porque somos os responsables de coidalas e non danalas facendo pintadas, tirando lixo..." .

Nestas saídas, os alumnos de sexto tiñan deberes a facer. Ás tarefas propias, detalladas nunha ficha que lles deseñou Lucía para saber que buscar, uníanse os retos dos de primeiro. Eles non saíron do colexio, mais gravaron un vídeo no que lle dicían a quen lles tocaba asesorar que debía buscar.

Olga Vázquez: "Tiñan que buscar oportunidades de mellora e souberon ser críticos, tanto coa administración, ao entender que ten que arranxar as cousas e telas en bo estado, como cos cidadáns, porque somos os responsables de coidalas e non danalas"

Atopar "pisadas de xabarín" foi unha das demandas máis reiteradas entre peticións comúns de fotografar "vacas", "cabalos", "paxaros", "niños de cegoña", "árbores, castiñeiros sobre todo", "igrexas", "cousas da primavera", "coles antigos", "maquinaria" ou "casas e camiños". E tamén houbo desafíos difíciles, coma atopar "cantantes famosos" ou "pisadas de xirafa" ou máis detallados, coma "estudar como son as casas e se están xuntas ou separadas", "mirar se hai algunha persoa especial" ou "como está o tempo".

E se non había, "buscas algo parecido ou explicas por que non o atopaches", apunta Nora Tomé, de sexto, dando conta de como organizaron o traballo: "Cada un elixiu a parroquia que prefería, cun sorteo se varios querían a mesma, e despois investigamos sobre ela, Olga veu á biblioteca e fixo unha presentación para coñecer máis a nosa parroquia e despois fomos con ela e con Jorge de visita, velas e facer fotos".

Nora quería Roca, "porque alí viven meus padriños e porque ten moitos sitios naturais, moi chulos, que me gustan", e foi a que lle tocou. Foi xunto con Almendra (Pígara) e Alberto (Santa Cruz) e no proceso descubriu "nomes de fontes, sabía que había algunhas, pero coñecín moitas máis" e mesmo para percatarse de detalles curiosos, como que "a herba non medra igual de rápido en todos os sitios, porque vimos que segaran había pouco, e nalgúns xa crecera rápido e noutros aínda non". 

Nora Tomé: "É unha oportunidade para coñecer máis o noso concello"

Do recollido, di Nora que falaban cos compañeiros, pero "non moito". Había unha razón: querían que a presentación fose "unha sorpresa". Pero si o dixeron na casa —algúns ata foron de visita coa familia á parroquia que lles tocou— e compartiron anécdotas máis alá do traballo encomendado.

Así o relata Sandra Seijas, á que os viaxes no coche cos seus compañeiros, Xoel (Labrada) e Hugo (Os Vilares), lle serviron para caer na conta de que os tres comparten un desafío similar, os irmáns pequenos: "Iamos contando cousas que nos facían, dándonos conta de que a nós tamén nos pasara, divertidos pero tamén enfadados".

Sandra escolleu O Buriz, "para coñecer máis a parroquia e porque teño familiares alí". No seu caso, non era a única, polo que houbo un sorteo. Ela foi a agraciada, e así puido "descubrir un muíño, que non sabía que o había" e dar conta daquelas cousas que lle gustaron, coma o campo da festa, a escola ou a igrexa. 

Un dos grupos, no legoario de Guitiriz. C.PÉREZ
Un dos grupos, no legoario de Guitiriz. C.PÉREZ

"Tiñamos que ir e sacar fotos, investigar, coñecer algúns lugares e con todo iso facer unha presentación coas entidades poboacionais, as escolas, as igrexas, os lugares naturais...", di Sandra sobre un proxecto "moi divertido", que lle permitiu "investigar e saber cousas novas" e tamén percatarse doutras que cambiaría, como que "os muíños e os espazos naturais estivesen mellor coidados".

As dúas alumnas de sexto destacan que están a aprender moito con este traballo, polo que esperan que teña continuidade no futuro. "Coñeces cousas que tes no teu propio concello e nin te imaxinabas que existían", di Sandra, mentres que Nora tamén fai fincapé no traballo feito polos profesores, aos que lles agradece a súa implicación neste proxecto que supón "unha oportunidade para coñecer máis o noso concello".

Sandra Seijas: "Tiñamos que ir e sacar fotos, investigar, coñecer algúns lugares e con todo iso facer unha presentación coas entidades poboacionais, as escolas, as igrexas, os lugares naturais"

As imaxes e as informacións recompiladas serviron para a seguinte fase do proxecto, na que os alumnos de primeiro volvían ser clave. Súa era a responsabilidade de propoñer personaxes (había ídeas previas coma "un dinosaurio de tres cabezas", "unha serpe que chegue a China", "un monstro de dez cabezas", "un dinosaurio con pinchos no lombo e un mazo na cola" ou "unha estampida de zombis") para que os de sexto elaboren un gran conto final, fase na que se atopan. A presentación será a vindeira semana, nunha xornada de convivencia que servirá como broche de ouro deste particular Guitimundi.

Exploradores no sexto concello máis grande de Galicia 
Guitiriz é, cos seus 294 quilómetros cadrados, o sexto concello máis grande de Galicia. Divídese en 18 parroquias, tantas como alumnos hai este curso en sexto de primaria do Ceip Lagostelle.
Reparto
Bruno P. estudou Pedrafita, Juan F. Santa Locaia e Uxía Sambreixo, mentres que Hugo, Sandra S. e Xoel visitaban Os Vilares, O Buriz e Labrada. Xairo investigou Mariz, Sandra M. As Negradas, e Juan L. Parga, ao tempo que Paula recollía datos de Lagostelle, Bruno R. de Santa Mariña e Lorena de Becín. A o grupo de Luana, Diego e Juan L. tocoulles San Salvador, Trasparga e Parga, respectivamente, e o de Almendra, Alberto e Nora foron a Pígara, Santa Cruz e Roca. 
Asesores
Para o traballo tamén foi importante o labor de asesoría dos 21 alumnos e alumnas de primeiro: Sandra, Lucía S., Lucía T., Erik, Alberto, Lucas, Dariel, Borja, Lola, Candela, Uxía, Roi, Iago, Xoel, Naia, Hugo, Sara, Manuel, Mario, Rosa e Noa.